25 de out. de 2010

OURENSE

LIBRO SOBRE A HISTORIA DA FEDERACIÓN GALEGA DE SOCIEDADES FILATÉLICAS


A Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación do libro “Historia da Federación Galega de Sociedades Filatélicas Fegasofi”, no que a institución provincial colaborou na impresión da obra. O traballo foi presentado polo presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar; o presidente de Fegasofi, Valentín Suárez, e polo coordinador da obra, Francisco Gamallo.
A Deputación de Ourense colabora coa Federación Galega de Sociedades Filatélicas imprimindo na imprenta provincial unha edición en galego desta obra que se refire á historia da filatelia galega, dedicada especialmente ás sociedades federadas. A Deputación posibilitará, ademais, a difusión e distribución da obra entre as bibliotecas galegas.
José Luis Baltar dixo na presentación do libro que a institución provincial “está sempre aberta a impulsar iniciativas que defendan a cultura da nosa terra, e a filatelia constitúe unha parte importante desta”. O presidente da Deputación engadiu que o labor da Federación Galega de Sociedades Filatélicas “ven sendo ao longo da súa historia algo moi importante para o desenvolvemento do coleccionismo, tanto no que atinxe a selos de correos como a outros elementos postais. Un traballo que queda plasmado nas súas publicacións para que poida chegar ao gran público”.
Baltar animou a Fegasofi a continuar potenciando e investigando a prol do coleccionismo e da cultura galega, “como o ven facendo ao longo dos máis de corenta anos que leva desenvolvendo actividades filatélicas en congresos, cursos, asambleas e certames que permiten conservar eses pequenos-grandes anacos de historia que gardan os selos e os documentos postais”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario