25 de out. de 2010

OURENSE

PRESENTACIÓN DAS XXIII XORNADAS NACIONAIS SOBRE DROGODEPENDENCIAS

Psicólogos, educadores e traballadores sociais e expertos en diferentes ámbitos no tratamento das drogadicións daranse cita entre os días 27 ao 29 de outubro en Ourense nas “XXIII Xornadas Nacionais sobre Drogodependencia”, que se celebrarán no Centro Cultural da Deputación organizadas pola Cruz Vermella de Ourense.
Hoxe tivo lugar no Centro Cultural a presentación das xornadas coa presenza da presidenta e da coordinadora provincial da Cruz Vermella, Teresa Rodríguez e Marisa López, respectivamente; o coordinador das xornadas, Pablo Villarino, e o director do Centro Cultural, Francisco González.
Teresa Rodríguez destacou que as xornadas contarán coa participación de 130 profesionais dos diferentes ámbitos sociais directamente implicados no traballo contra as drogodependencias. “É necesario ofrecer espazos de reflexión acerca da intervención no campo profesional das drogodependencias e incorporar novas estratexias e maneiras de abordar a problemática. Sobre todo iso é necesario debater, e por elo estas xornadas son de grande utilidade no momento actual”, explica Teresa Rodríguez.
Pola súa banda, Marisa López dixo que Cruz Vermella Ourense leva máis de 30 anos desenvolvendo proxectos nos diferentes ámbitos de actuación social, e destacou o programa que nestes momentos está a levar a cabo a ONG cos internos do centro penitenciario de Pereiro de Aguiar no ámbito terapéutico e educacional sobre drogodependencias.
O coordinador das xornadas, o psicólogo Pablo Villarino, comentou o programa de actividades que se vai desenvolver ao longo dos tres días das xornadas. Trátase de mesas redondas, conferencias e obradoiros, que contarán coa presenza de relatores como o filósofo Fernando Savater, que pronunciará a conferencia de clausura o venres, 29 de outubro, ás 13.00 horas, e xunto a el outras destacadas figuras do ámbito nacional en materia de prevención e tratamento das drogodependencias.
Os relatorios abordarán temas como “As drogas en España (1975-2010”, “Prevención e traballo comunitario”, “Guía de xuventude, alcohol e cocaína”, “”Xestión e participación do voluntariado” e “Intervención en drogodependencias en tempos de crise”. Asemade, haberá catro obradoiros que analizarán diferentes aspectos das drogadicións como son o aspecto emocional, os servizos de emprego, o xénero no uso das drogas, e a intervención en crise en drogodependencias. As xornadas inauguraranse o vindeiro mércores, ás 17.00 horas, cunha conferencia do psicólogo Javier Elzo, director do equipo de Estudio dos Valores, da Universidade de Deusto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario