7 de out. de 2009

VAL MIÑOR

O PROXECTO DE MUSEALIZACIÓN DA CASA CARVAJAL DE BAIONA ESTARÁ REMATADO NOS PRIMEIROS MESES DO ANO QUE VEN


Infogauda / Baiona
A Deputación de Pontevedra, Caixanova e o Concello de Baiona asinaron onte martes, un convenio, por importe de 169.279 euros, para rematar as obras de rehabilitación do edificio Casa Carvajal. Co acordo hoxe suscrito, as tres institucións levan investidos xa, nos últimos catros, 721.262 euros na rehabilitación deste singular elemento patrimonial de Baiona que se convertirá na futura Casa de Navegación e Museo Naval de Galicia.
O convenio foi rubricado hoxe en Baiona polo presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, o presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso. Destes 169.279 euros, a Deputación achega 78.626 euros; igual que o Concello de Baiona; Caixanova participa con 12.000 euros en desenvolvemento da súa obra social.
Louzán salientou que “este proxecto pretende a posta en valor e a dinamización patrimonial de Baiona, e tamén suliñar o protagonismo histórico-marítimo de Baiona e da provincia de Pontevedra na historia naval de Galicia”.
A Casa Carvajal, antiga sede do Concello, está situada fronte á casa de Pedro de Castro. Tén un alzado nobre e, unha vez restaurada, disporá dunha superficie útil de 475 metros cadrados e 347 metros en xardins. O obxectivo é crear un Museo Naval basado no protagonismo histórico-marítimo de Baiona e na historia naval de Galicia.
Os seus fondos procederán de: os obxectos histórico-artísticos que posúe o Concello que hoxe están dispersos no Arquivo de Simancas (Salamanca), na Fundación Penzol ou no Arquivo Histórico e no Museo de Pontevedra; os fondos que poidan conseguirse no Arquivo Histórico de Madrid, no Museo do Exército ou no Museo Naval de Madrid; fondos de pobos irmanados con Baiona, como Rafael Freire, Palos de la Frontera, Santa Fe, etc.; e copias facsímiles ou réplicas de documentos da Idade Media.
Neste sentido, pronunciouse o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, quen garantiu que “o proxecto de musealización da Casa Carvajal estará listo e rematado nos primeiros meses de 2010”.
O futuro Museo Naval disporá de catro salas: unha sobre a navegación de Baiona (reproduccións, mapas, fotos, representacións históricas de navíos…); outra, de carácter institucional coa relación Galicia-América a partir da Arribada da Carabela Pinta a Baiona, a emigración, o exilio…; unha terceira, sobre as culturas á beira do Atlántico (cultura cristiá europea, cultura taína, cipaya e do Caribe); e unha cuarta, centrada na Carabela Pinta que arribou a Baiona coa nova do Descubrimento de América.

Obras en Sabarís
Louzán tamén aproveitou a súa visita para supervisar as obras de protección vial na E.P. 2204 entre Sabarís e Belesar, onde a Deputación de Pontevedra inviste 78.000 euros.
As obras acometidas na estrada incluíron o levantado de bordiño e corte de mestura asfáltica. Escavación e caixeado en beirarrúas, escavación mecánica en zanxas e instalación de tuberías de PVC, sumidoiros e arquetas, repavimentado da vía: Bordiños de granito, baldosas e soleiras de formigón, sinalización e balizamento da vía, incluíndo premarcaxe e marcas viais de 10 e 15 cm e instalación de 144 metros de barandiña metálica galvanizada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario