13 de nov. de 2026

O ROSAL

O Rosal estampa o seu propio estilo nos Obradoiros de Outono   

•  O Concello organiza o sábado 21 de novembro, de 10 a 14 h, un taller práctico con Galiestampa de estampado en bolsas de tea  

•  Abertas a todos os públicos, nas actividades terán prioridade as persoas menores de 30 anos

  


Infogauda/O Rosal 

 Unha bolsa de tea en branco pode converterse nunha peza única cando a imaxinación e as propias mans entran en acción. Esa é a proposta coa que continúan os Obradoiros do Outono do Concello do Rosal, que o vindeiro sábado 21 de novembro convidan á veciñanza a descubrir o mundo da estampación téxtil nunha sesión práctica na que cada participante poderá deseñar e personalizar a súa propia bolsa de tea. 

 O obradoiro ‘Estampa a túa saqueta’ celebrarase de 10.00 a 14.00 horas na Casa de Oficios da Mata, situada a carón do CPI Manuel Suárez Marquier, e estará impartido por Galiestampa. Durante catro horas, as persoas participantes achegaranse ás técnicas de estampación sobre tea, aprendendo a transformar unha idea nun deseño propio e a trasladalo a un soporte téxtil. 

 A actividade comezará cunha introdución ao proceso creativo, na que se compartirán ideas e propostas para dar forma aos deseños. A continuación, cada participante traballará na creación da súa composición, preparando os elementos necesarios para a estampación e poñendo en práctica os coñecementos adquiridos ata completar a súa propia bolsa personalizada, que poderá levar para a casa ao rematar a sesión. 

 A actividade está aberta a todos os públicos, aínda que terán prioridade as persoas menores de 30 anos. Cun prezo de 14 euros por participante, as prazas son limitadas, polo que as persoas interesadas poden xa formalizar a súa inscrición a través do formulario web habilitado polo Concello. Unha vez realizada a inscrición, o Concello contactará coas persoas interesadas para confirmar a súa participación e recibir información sobre o modo de pago. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario