20 de set. de 2009

O RIBEIRO

O POETA XOSÉ CARLOS GÓMEZ ALFARO FOI HOMENAXEADO NA SÚA MATRIA RIBEIRÁ

De esquerda a dereita: Manuel García Montero, alcalde de Cenlle; Rosa Berta Alfaro Diéguez, viuva de Xosé Carlos Gómez Alfaro; e Xesús Alonso Montero, catedrático, ensaísta, e membro da Real Academia da Lingua, logo do develamento da praca que relembra a casa natal do poeta

Infogauda / O Ribeiro
Por iniciativa do Centro P.E.N. Club de Galicia, que preside Luís González Tosar, e coa colaboura dos Concellos de Cenlle e Ribadavia, Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, e Deputación de Ourense, onte sábado día 19 de setembro tivo lugar no seu berce matrio, unha dignísima homenaxe póstuma ó poeta ribeirao, Xosé Carlos Gómez Alfaro.

Namentras as prensas liberaban doces mostos de treixaduras e godellos, amigos e familiares de Xosé Carlos Gómez Alfaro, fóronse achegando, desde as catro provincias de Galicia, as vizosas terras do Ribeiro. Sen necesidade de GPS nin siquera de mapas de estradas, alí atopáronse tódolos que de verdade síntense identificados coa vida e a obra de X. C. Gómez Alfaro. E os que non puideron achegarse, por compromisos adequeridos con anterioridade, sí estiveron na irmandade das nosas letras, transmitindo súas adesións a homenaxe, a traverso de González Tosar.

As Chavolas foi o primeiro punto de encontro. A casa natal de Xosé Carlos Gómez Alfaro, a carón da estrada N-120, concitou a presenza dos seus e de tódolos seus amigos, onde o poeta tivo seu berce. Alicia e Pepe, pais do poeta; Rosa Berta, súa esposa; e Dani, seu fillo, foron acolléndonos a todos coa súa acostumada hospitalidade.

O profesor Xesús Alonso Montero, acompañado de varios poetas (Helena de Carlos, Miro Villar, Xosé Gregorio Ferreiro Fente,...) e do concelleiro de A Guarda, Celso Rodríguez Fariñas - o único representante da Corporación Municipal guardesa que estivo presente -, foron algunhas das primeiras persoas que saudaron a familia do poeta na súa casa natal.


De seguido achegaríanse até a casa sinalada co nº 6, de As Chavolas, o alcalde de Cenlle, Manuel García Montero, e o concelleiro de Turismo de Cenlle; Luís González Tosar, presidente do Centro P.E.N. Galicia; Román Raña Lama, encarregado da edición de Poesía galega toda I e II, de Xosé Carlos Gómez Alfaro; Francisco López Barxas, Director Xeral de Creación e Difusión da Cultura, da Xunta de Galicia; Xosé Carlos Sierra, Director do Museo Etnolóxico de Ribadavia; e varios os poetas, entre eles Camino Noia, Ramón Nicolás,...

Como era de agardar, e pesares de estar en plena vendima, asistiron veciños de Ourense, Sadurnín, As Chabolas, Ventosela, Ribadavia,..., e doutras aldeas do Ribeiro, así como o P. Luis Airas, director do Colexio PP. Somascos, e varios profesores (Marisilda Sánchez Lomba, Ana Bento López, Joaquín Miguel Villa Álvarez,...), dese centro educativo de A Guarda, onde Xosé Carlos Gómez Alfaro desenvolveu súa labor docente nunha singradura de tres décadas; así como varios amigos de O Rosal e de A Guarda.
Minutos despois do mediodía, botaría a andar o programa da homenaxe o poeta Xosé Carlos Gómez Alfaro, coa participación do Grupo de Gaitas Frouma, de Piñor, que a xeito de introducción, interpretou tres pezas.
A continuación, Luís González Tosar deu a benvida a tódolos presentes e espricou brevemente as razóns desta merecida homenaxe o poeta Gómez Alfaro, cedéndolle a palabra o profesor Alonso Montero, gran coñecedor da obra e inquedanzas do autor homenaxeado.
Como de costume, Xesús Alonso Montero ofreceu unha brillante disertación sobre Xosé Carlos Gómez Alfaro, do que reiterou súa condición de "poeta matriótrico do Ribeiro".
Alonso Montero, salientou a coincidencia do nacemento de Gómez Alfaro no mesmo ano (1949) do pasamento de Don Eladio Rodríguez González, así como súa afección á lectura desde moi noviño, descobrendo na biblioteca da veciña familia Vilanova, a obra de Curros Enríquez, entre outros autores galegos que co tempo deixarían un positivo pouso na súa obra.
O académico tamén mencionou o vencello de Xosé Carlos Gómez Alfaro, tanto a súa comarca ribeirá como a vila de A Guarda, estando moi presentes na súa ampla e fermosa obra poética os nomes dos lugares da súa nenez, os vocábulos agrarios,..., e tamén a inspiración do mar de A Guarda, localidade onde amou, viveu, traballou e creou, na maior parte da súa vida.
Rematada a fermosa intervención de Alonso Montero, fixo uso da palabra Rosa Berta Alfaro Diéguez, viuva de Xosé Carlos Gómez Alfaro.
Rosa Berta dixo entre outras cousas: "Cando nos comunicaron que este acto de lembranza de Xosé Carlos se ía celebrar o 19 de setembro, tempo de vendimas, recordei un artigo que él publicara en El Correo Gallego, sendo estudiante en Santiago, e que me enviou a mín por carta (daquela éramos noivos). Cánto tempo pasou e cántas cousas,... Aquel artigo titulábase "Ole a mosto no Ribeiro". Pois ben, Carlos, agora cando tamén é tempo de vendimas, e ole a mosto, ole tamén a poesía, á túa poesía, aquí, no teu Ribeiro. Porque grazas o empeño de un grupo de persoas e ao apoio de algunhas institucións, xa podemos disfrutar das túas obras completas".
Na súa emocionada e emocionante intervención, Rosa Berta dirixiuse o seu finado esposo con estas verbas: "Nesta casa onde naciches reuníronse para lembrarte, persoas que te coñeceron polo que escribiches, e outras que te viron nacer, medrar, ..., que foron compañeiros teus de xogos. Vexo tamén amigos de máis lonxe. Persoas das túas dúas matrias: O Ribeiro e A Guarda, que viñeron das terras onde o Miño se xunta co mar.
Se desde algún sitio nos poideras ver estou segura de que estarías aplaudindo e esbozando o mellor daqueles teus sorrisos".
Rosa Berta Alfaro tamén amosou a gratitude da familia "(...) ás institucións e persoas que fixeron posible que todo esto fora unha realidade.
Grazas ao P.E.N. de Galicia, presidido e representado aquí por Luis González Tosar, entusiasta artífice desta lembranza; grazas a Deputación de Ourense e ao Concello de Cenlle pola súa colaboración.
E grazas ao profesor e académico Xesús Alonso Montero. Don Xesús, eu sei moi bén como Carlos o respectaba e o apreciaba, e ¿porqué non deci-lo?, o quería. Esto era así porque mentras Carlos estuvo con nós, sempre contou co seu apoio, co seu consello, cunha persoa na que confiar. En definitiva cun amigo. Grazas.
Grazas tamén a todos os que nos acompañan e que coa súa presenza contríbúen a que nos sintamos reconfortados. Grazas".
Tra-la verbas de Rosa Berta, falou o alcalde de Cenlle, Manuel García Montero, quen fixo unha sembranza humana de Xosé Carlos Gómez Alfaro, ademáis de salientar a importancia da súa aportación poética, cónsiderándoo o gran poeta do Ribeiro.
Deseguido tivo lugar o develamento, por parte do alcalde de Cenlle, dunha praca ubicada na fachada principal da casa natal de Gómez Alfaro, onde pode lerse:
Nesta casa naceu o escritor
Xosé Carlos Gómez Alfaro
(1949 - 2008)
honra da poesía galega
Centro P.E.N. Galicia - Concello de Cenlle - Deputación de Ourense
19 de setembro de 2009
A continuación, un violinista interpretou a peza "Negra Sombra", e por último, o Grupo de Gaitas Frouma, puxo no ar as notas do Himno Galego, que foi coreado por varias persoas.
Dese xeito, remataría a primeira parte do programa da Lembranza ó poeta Xosé Carlos Gómez Alfaro, que tería continuidade na vila de Ribadavia.
PRESENTACIÓN EN RIBADAVIA, DE POESÍA GALEGA TODA, I E II
Na capital do Ribeiro, familiares, autoridades, compañeiros, poetas e amigos de Xosé Carlos, asistiron na Casa da Cultura a presentación de Poesía galega toda, I e II, de Xosé Carlos Gómez Alfaro.
Coordinado por Luis González Tosar, o acto contou coas intervencións do profesor e académico Xesús Alonso Montero; Xosé Carlos Sierra Rodríguez, museólogo, ex-delegado provincial de Cultura, ex-secretario xeral da Consellería de Cultura, da Xunta de Galicia, e director do Museo Etnolóxico de Ribadavia; Francisco López Barxas, Director Xeral de Creación e Difusión da Cultura, da Xunta de Galicia; Román Raña Lama, encargado da edición da obra Poesía galega toda I e II; e Anxo Collarte, concelleiro de Cultura do Concello de Ribadavia.
No decurso da súa intervención, Alonso Montero non soio calificou a "Xosé Carlos Gómez Alfaro, de poeta sen fronteiras", senón que convidou o Concello de Ribadavia a editar e pubricar un mollo de poemas inéditos de Gómez Alfaro, e emprazou ó Concello da Vila do Avia, a da-los a coñecer entre os escolares. De feito, Alonso Montero agarda que esa proposta se leve a bó termo, na vindeira edición do Día das Letras Galegas.
Román Raña Lama, autor do limiar de Poesía galega toda I e II, fixo unha acaída sipnose da traxectoria poética de Gómez Alfaro.
En nome da familia, Daniel Gómez Alfaro agradeceu o Centro P.E.N. Club de Galicia, e a tódalas institucións, poetas e amigos que fixeron posible esta homenaxe a seu pai.
Ademáis das diferentes intervencións, houbo un recital poético-musical, no que interviñeron varios poetas e escritores, como Miro Villar, Ramón Nicolás, Xosé Gregorio Ferreiro Fente, Helena de Carlos, Camino Noia,..., que recitaron poemas de Xosé Carlos Gómez Alfaro, coa compaña dunha lene música de violino.
Asemade, denantes de pecharse o acto, polo académico Xesús Alonso Montero, o violinista interpretou "Queixumes dos pinos".
Por último, como xa anunciara Luis González Tosar, tódalas persoas que acudiron a esta segunda parte da Lembranza ó poeta Xosé Carlos Gómez Alfaro, recibiron exemplares de Poesía galega toda, I e II, de Xosé Carlos Gómez Alfaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario