8 de nov. de 2026

DEPORTES

ATLETISMO

Julia Vaquero Sousa conquista o segundo posto na categoría Máster 55 da San Martiño de Ourense  

•  A atleta do Club Atletismo Veteranos de Samil completou os dez quilómetros da carreira ourensá cun excelente rexistro de 42 minutos e 6 segundos.


Julia Vaquero Sousa e Purificación Anegas Fernández
Foto: Cedida

Ricardo Rodríguez Vicente/Ourense

 A atleta galega Julia Vaquero Sousa volveu demostrar a súa calidade competitiva na 49ª edición da Carreira Pedestre Popular do San Martiño, celebrada este domingo na cidade de Ourense. A representante do Club Atletismo Veteranos de Samil asinou unha destacada actuación na categoría Máster 55, na que acadou a segunda posición cun tempo de 00:42:06.  

 Nunha das probas populares máis emblemáticas do calendario atlético galego, Julia Vaquero completou os dez quilómetros do percorrido ourensán cunha excelente marca, que lle permitiu subir ao segundo chanzo do podio da súa categoría e confirmar, unha vez máis, a súa competitividade e o seu compromiso co atletismo.

 A vitoria na categoría foi para a atleta ourensá Purificación Anegas Fernández, pertencente á categoría M (25), Máster 55, que cruzou a liña de meta cun tempo de 00:41:26. A diferenza entre ambas as deportistas foi de apenas 40 segundos, nunha clasificación que evidencia o bo nivel competitivo da categoría. A terceira posición correspondeu a María Jesús Espinosa Menor, do Club Deportivo La Purísima, de Ourense, que parou o  crono en 00:50:17

 O resultado de Julia Vaquero ten un valor especial polo percorrido deportivo dunha atleta que forma parte da historia do atletismo galego e español. Olímpica en Atlanta 1996 e unha das grandes fondistas que deu Galicia, continúa vinculada ás competicións e ofrecendo mostras da súa capacidade para afrontar novos retos deportivos.  

 A súa participación na San Martiño, defendendo as cores do Club Atletismo Veteranos de Samil, deixa así un novo resultado destacado no seu historial deportivo e engade outro podio a unha traxectoria marcada pola constancia, o esforzo e a paixón polo atletismo.

 Ourense foi escenario dunha nova festa do deporte popular, pero tamén dunha demostración de que o talento e o espírito competitivo non teñen idade. Julia Vaquero volveu facelo patente cun segundo posto que sabe a éxito e que merece ser destacado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario