O Rosal revalida as súas tres Flores de Honra e reafirma o seu compromiso coa sostibilidade
• A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, recolleu en Salceda de caselas este recoñecemento do programa Vilas en Flor, que distingue o traballo municipal na mellora medioambiental, social e paisaxística
Infogauda/O Rosal
O Concello do Rosal, acaba de revalidar por terceiro ano consecutivo as súas tres Flores de Honra no programa Vilas en Flor, un recoñecemento ao traballo desenvolvido para construír un municipio máis sostible, habitable e comprometido coa súa contorna.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, recolleu en Salceda de Caselas esta distinción, que recoñece os avances municipais na protección ambiental, na recuperación e mellora dos espazos públicos, na conservación do patrimonio e na promoción dunha maior conciencia ecolóxica entre a veciñanza.
Durante a súa visita ao Rosal, o xurado puido coñecer de primeira man a transformación progresiva das instalacións municipais e dos espazos públicos baixo criterios de eficiencia enerxética, redución do consumo, mellora do confort e respecto pola contorna. Un modelo de actuación que combina investimentos en infraestruturas cunha programación estable de sensibilización e educación ambiental, entendendo a sostibilidade como unha responsabilidade compartida.
Entre as iniciativas que exemplifican esta aposta destacan as actuacións para mellorar a eficiencia enerxética dos edificios municipais e das escolas rurais, a renovación do alumeado público con tecnoloxía de menor consumo e a recuperación de espazos para o encontro e a convivencia. A elas súmanse proxectos como a comunidade enerxética O Rosal Enerxía, que busca implicar directamente á cidadanía na transición cara a un modelo enerxético máis participativo.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, salientou que “estas tres Flores de Honra recoñecen un traballo continuado que vai moito máis alá do coidado dos xardíns ou das zonas verdes. Falamos de transformar os nosos edificios para que consuman menos enerxía, recuperar espazos para as persoas e impulsar iniciativas que permitan á veciñanza participar activamente na construción dun Rosal máis sostible”.
A rexedora destacou tamén a importancia de manter unha visión a longo prazo, xa que “os cambios que realmente melloran son o resultado de moitas actuacións, algunhas moi visibles e outras que pasan máis desapercibidas, pero que teñen un impacto directo na calidade de vida. Revalidar este recoñecemento por terceiro ano consecutivo anímanos a seguir avanzando nesa dirección”.
O programa Vilas en Flor, promovido pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), recoñece o esforzo dos municipios galegos de menos de 50.000 habitantes na mellora ambiental, social e económica dos seus territorios, atendendo a aspectos como a xestión dos espazos verdes, a sustentabilidade, a protección da paisaxe e a implicación cidadá.
Ningún comentario:
Publicar un comentario