Tomiño volve subirse ao autobús do teatro
• O Concello súmase de novo ao programa de mobilidade do Centro Dramático Galego con viaxe gratuíta para ver ‘A serie Coplen’ o domingo, 13 de setembro en Santiago
Infogauda/Tomiño
Tomiño volve subirse ao autobús do teatro. O Concello súmase unha vez máis ao programa de mobilidade do Centro Dramático Galego, que permite á veciñanza desprazarse de balde ata Santiago para gozar alí da programación profesional do CDG sen preocuparse do desprazamento.
O domingo, 13 de setembro, o autobús sairá ás 14.40 h desde a rotonda da Avenida República Arxentina para trasladar a veciñanza ao Salón Teatro compostelá, onde ás 18:00 horas terá lugar a representación de ‘A Serie Clopen’. O regreso a Tomiño tras a función será ás 20:00 horas.
O transporte será totalmente gratuíto, mentres que o prezo da entrada á obra é de 5 euros. As persoas interesadas deben realizar a súa inscrición ata o 11 de setembro a través da web municipal, onde está dispoñible o formulario para reservar praza, ou chamando ao 986 622 001.
A obra de teatro, baixo a dirección de Pablo Reboleiro e dramaturxia de Clara Gayo e o propio Reboleiro, contará sobre o escenario cun elenco formado por Marián Bañobre, Luz García, Johanna Hesse, Raquel Oitavén, Natalia Pajarito, Inés Santos e Guillermo Solo. Ofrecerán en Santiago un espectáculo cheo de acrobacias imposibles, aéreos impactantes, comedia hilarante, danza, clown e unha historia cativadora. A función conta con recursos de accesibilidade como audiodescrición, lingua de signos e subtitulado, e está recomendada para todos os públicos.
Con esta iniciativa, o Concello de Tomiño reafirma o seu compromiso coa cultura, facilitando o acceso a experiencias artísticas de calidade e promovendo a participación da veciñanza en actividades culturais profesionais.

Ningún comentario:
Publicar un comentario