27 de ago. de 2026

DEPORTES

O Rosal acelera, chuta e lanza a portería nunha intensa semana deportiva   

 Ciclismo, fútbol e balonmán protagonizarán tres grandes citas tradicionais que reunirán no municipio deporte base, competición e equipos do máximo nivel  


O concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, con dous membros do Atlético Novás, na presentación do Trofeo Concello do Rosal de balonmán
Foto: COR

Infogauda/O Rosal

 O deporte non dará tregua no Rosal nos próximos días. O municipio prepárase para vivir unha intensa semana na que ciclismo, fútbol e balonmán serán protagonistas con tres trofeos que combinarán deporte base, competición, emoción e espectáculo, reforzando unha axenda deportiva que medra da man dos clubs e entidades locais. 

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, salienta que “esta intensa programación é un reflexo da enorme vitalidade deportiva que temos no Rosal e, sobre todo, do traballo constante que realizan os nosos clubs durante todo o ano”. A rexedora destaca tamén “a importancia de seguir apoiando entidades que crean canteira, fomentan hábitos de vida saudables e conseguen que o deporte sexa tamén un espazo de convivencia e de comunidade”. 

 A primeira gran cita chegará este sábado 29 de agosto coa celebración do XXXIV Trofeo Pista de As Faias, organizado polo Club Ciclista O Rosal co apoio do Concello e da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xoán de Tabagón. A partir das 16.00 horas, as instalacións de adestramento do club recibirán ás escolas de ciclismo galegas para disputar unha proba integrada no calendario da Federación Galega de Ciclismo. 

 A competición reunirá ciclistas das categorías promesas, principiantes, alevíns, infantís, cadetes e júnior feminina, convertendo novamente a pista das Faias nun punto de encontro para a canteira do ciclismo galego. Para facilitar a organización da proba, o acceso ao aparcadoiro interior permanecerá aberto entre as 12.00 e as 15.00 horas. Unha vez pechado, non se poderá abandonar o recinto ata que o indique a organización e, en ningún caso, antes de finalizar a competición. 

 Ese mesmo sábado 29, o protagonismo pasará das dúas rodas ao balón coa XV edición do Trofeo Vila do Rosal, organizado pola UD Ribera coa colaboración do Concello. O encontro disputarase ás 18.30 horas no campo de fútbol da Mata e servirá para inaugurar a tempada 2026/2027 do club rosaleiro, que se medirá ao San Miguel CF. 

O balonmán de máximo nivel, broche final 

 A semana deportiva culminará cunha nova edición do Trofeo Concello do Rosal, organizado polo Valinox Novás en colaboración co Concello. O xoves 3, ás 20.30 horas, o Atlético Novás enfrontarase ao Frigoríficos del Morrazo nun partido que permitirá volver gozar de balonmán de primeiro nivel. 

 Nesta ocasión, o encontro disputarase no Pavillón de Vila Nova de Cerveira, con entrada de balde, nunha cita que volverá reunir afección e deporte arredor dunha das disciplinas con maior tradición e arraigo no Rosal. 

 O concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, pon en valor a variedade das propostas: “en poucos días teremos ciclismo de base, fútbol e balonmán de alto nivel, tres disciplinas cunha enorme tradición no noso municipio. É unha mostra da fortaleza do tecido deportivo rosaleiro e da capacidade dos nosos clubs para organizar citas que mobilizan deportistas, familias e afección”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario