BALONMÁN
Presentada a Supercopa de Galicia este venres en Tui
• A Federación Galega de Balonmán celebrou este venres a presentación oficial do título que Guardés e Porriño xogaranse este domingo (19.00 horas) en Tui
• Persoal, corpo técnico e Xunta Directiva asistiron ao evento no Espazo Sociocultural Camilo José Cela, onde tamén interviñeron autoridades do Concello de Tui, de Club Balonmán Tui, da Deputación de Pontevedra, da Xunta de Galicia e da Federación
• José Ignacio Prades: “Este evento cada ano gaña e eleva un pouquiño o seu nivel”
• Cecilia Cacheda: “Xogar unha final e un derbi é algo que sempre queremos todas”
Redacción Deportes/Tui
O Atlético Guardés prepárase para o último Derbi As Nosas da súa intensa pretemporada. Este domingo, 30 de agosto, ás 19.00 horas, o pavillón municipal Gustavo Rodríguez, de Tui, acollerá a final da Supercopa de Galicia, que reunirá o equipo baixomiñoto co Balonmán Porriño por terceira vez desde que comezou a preparación para a nova tempada. Este venres, o Espazo Sociocultural Camilo José Cela do Concello tudense acolleu a presentación do evento, organizada pola Federación Galega de Balonmán.
Desde ás 12.30 horas, o acto tamén dedicado ás finais da Supercopa masculina e a Copa Galicia que se disputarán a mesma xornada do domingo, recibiu aos protagonistas no Concello de Tui. Abriron as intervencións institucionais Rafa Estévez, concelleiro de Deportes tudense, e Agustín Martínez, presidente do Balonmán Tui, club organizador e que cederá o seu pavillón para os encontros da fin de semana; e participaron igualmente Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán; Xisela Aranda, directora de Deportes da Deputación de Pontevedra; Roberto García, secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia; e Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui.
Alén de destacar o apoio das autoridades a esta gran cita do balonmán galego, a presentación detallou os horarios e competicións deste domingo. Ás 11.00 horas, a final da Copa Galicia feminina dará o pistoletazo de saída entre o Cañiza e o Carballal; seguida ás 13.00 pola súa homóloga masculina entre o Teucro e o Bueu. Na xornada de tarde, a Supercopa masculina entre Frigoríficos do Morrazo e OAR Coruña retomará o balonmán ás 17.00 horas; coroándose o domingo coa gran final feminina que protagonizarán Porriño e Atlético Guardés ás 19.00 horas. Por orde, este venres todos os participantes dedicaron unhas palabras á gran cita que lles espera dentro de dous días, intervindo por parte da comitiva baixomiñota o adestrador, José Ignacio Prades, e a capitá, Cecilia Cacheda.
O técnico, pola súa banda, dedicou a súa intervención para destacar a “paixón dentro e fóra da pista” coa que a bancada e os protagonistas viven derbis como este, que ademais supón a primeira ocasión de conquistar un título do curso. Unha paixón que destaca nun ambiente de “deportividade, compañeirismo e respecto” plenos entre dous vellos coñecidos que volven compartir esta Supercopa, que para o de Petrer, “é un evento que cada ano gaña e eleva un pouquiño o seu nivel”.
Así mesmo, a central lalinense deixou claro que as súas pensan xa na seguinte páxina despois da gran tempada vivida o ano pasado, detallando como o verán serviu para “facer borrón e conta nova” a un equipo que “cambiou moitísimo e está con moitísima motivación, xa que xogar unha final e un derbi é algo que todas queremos”. O obxectivo para o domingo, enmarcado no plan de pretemporada: “Chegar na mellor forma e o mellor momento de xogo posibles ao comezo de tempada”, para o que deberán “controlar os pequenos detalles” se queren pechar a preparación cunha vitoria de carácter esta fin de semana en Tui.
Preparador deportivo e capitá foron as cabezas visibles dunha gran asistencia por parte do Atlético Guardés, que mobilizou á presentación ao seu persoal ao completo, incluídas as tres xogadoras xuvenís que están a reforzar a súa pretemporada; xunto con outros membros do seu corpo técnico e unha boa parte da súa recentemente nomeada Xunta Xestora, incluíndo ao seu presidente, Jesús López González.
As entradas para este domingo xa están dispoñibles na web da Federación Galega de Balonmán con abonos dispoñibles para a xornada de mañá, a xornada de tarde ou ben todo o día: https://entradas.fgbalonman.com/evento/fase-final-copa-e-supercopa-galicia.

Ningún comentario:
Publicar un comentario