28 de ago. de 2026

BAIXO MIÑO/VAL MIÑOR

A Deputación adxudica a transformación da EP-3102 ao seu paso polos concellos de Tomiño, Gondomar e Baiona por máis de 600.000 euros 

 As obras incluirán a reposición do firme nun tramo de máis de nove quilómetros, ademais de nova instalación de sinalización horizontal para garantir a seguridade da estrada 


Rafa Domínguez, vicepresidente provincial, nun momento da rolda de prensa deste venres, na Deputación de Pontevedra

Foto: J. Philippot

Infogauda/Baixo Miño/Val Miñor

 A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres a adxudicación das obras de mellora da seguridade viaria na EP-3102 Tomiño-Sabarís. O vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, sinalou que a oferta gañadora suporá un investimento de máis de 608.000 euros para a transformación dun tramo de máis de nove quilómetros ao seu paso polos concellos de Tomiño, Gondomar e Baiona.

 A actuación desenvolverase por diferentes puntos e treitos continuos dese treito, onde é necesario proceder á reposición integral do firme, á mellora do sistema de drenaxe lonxitudinal e transversal e á renovación tanto da sinalización horizontal como dos sistemas de contención de vehículos. Entre as actuacións proxectadas atópanse o fresado das capas superficiais do pavimento, que se reporá con novos materiais, a instalación de novas conducións de drenaxe, a execución de novas cunetas e arquetas de formigón, a dotación de nova sinalización horizontal ou a instalación de novas barreiras metálicas de seguridade, entre outras.  

 O vicepresidente provincial destacou que investimentos como este “permítennos contar cunhas vías provinciais modernas e seguras tanto para o tránsito de vehículos como para os peóns, cos maiores estándares de calidade e un compromiso firme co conxunto do territorio”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario