26 de ago. de 2026

A GUARDA

MARÍA JESÚS ALONSO VAI PRESENTAR O LIBRO RAÍCES DE NIEBLA NA CASA DO CONCELLO   

O acto terá lugar o venres, 28 de agosto, ás 20:00 horas, no Salón de Plenos da Casa Consistorial   


A escritora guardesa María Jesús Alonso presenta seu libro Raíces de Niebla
Foto: CB

Infogauda/A Guarda 

 Este venres, 28 de agosto, ás 20:00 horas, terá lugar no salón de plenos da Casa Consistorial a presentación do libro Raíces de Niebla, da escritora guardesa María Jesús Alonso.  

 Raíces de Niebla é un íntimo percorrido pola memoria, a fe e a nostalxia, no que a autora entrelaza, a través da poesía, lembranzas, perdas, migracións e renacementos. Entre Galicia, Nova York e outras paisaxes, María Jesús Alonso constrúe unha voz poética tenra e serena que busca sentido nos momentos que marcan unha vida.  

 A infancia galega, a experiencia da emigración, a presenza do divino, o amor maternal, a beleza da natureza, o duelo e a esperanza percorren unha obra na que cada poema se converte nunha raíz que xorde entre a néboa: ás veces suave, outras desgarrada, pero sempre auténtica.  

 O libro preséntase así como un refuxio, unha homenaxe e unha despedida, pero tamén como un canto á vida e á terra. Un testemuño persoal no que a memoria e a emoción se transforman en poesía e no que, mesmo na distancia e na sombra, permanece a luz necesaria para seguir creando beleza.  

 "Dende o Concello da Guarda convidamos á veciñanza e a todas as persoas interesadas na literatura e na poesía a asistir a esta presentación. Ao remate do acto ofrecerase un viño español para compartir este encontro nun ambiente de conversa e celebración", indican desde o goberno municipal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario