Máis de 350 pequenas e pequenos gla-diadores conquistan a Eurocidade nun evento deportivo único na comarca
• A Gladiator Race Junior Eurocidade Cerveira-Tomiño encheu de enerxía, obstáculos e diversión o Espazo Fortaleza de Goián
Infogauda/Tomiño
Nin a calor os detivo. Máis de 350 rapaces e rapazas demostraron o seu espírito indomable na Gladiator Race Junior da Eurocidade Cerveira-Tomiño, un evento deportivo único na comarca que converteu o Espazo Fortaleza de Goián nun campo de batalla cheo de risas, esforzo e ilusión, onde o único obxectivo real era pasalo ben mentres se superaban retos.
A competición organizouse en tres modalidades: Mini Kids, para nenos e nenas de 3 a 6 anos; Kids, de 7 a 11 anos; e a categoría Junior, na que mozos e mozas de 12 a 20 anos participaron en equipos mixtos nun percorrido de 2,5 quilómetros con 25 obstáculos. Tres categorías, tres niveis de esixencia e un factor común a todas elas: a diversión e o desfrute de cada participante.
Arredor das pequenas e pequenos gladiadores, familias e amigos puideron desfrutar dunha xornada de deporte ao aire libre nun espazo emblemático co Miño como pano de fondo. A actividade enmárcase na operación 021_REDE_GOV MINHO, cofinanciada ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa INTERREG VI-A POCTEP, o que subliña o carácter transfronteirizo dunha iniciativa que une á veciñanza de ambas beiras do Miño arredor do deporte e da convivencia.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou o valor de celebrar unha nova edición desta proba “que non só representa unha excelente oportunidade para que a nosa cativada e mocidade desfrute do deporte, senón que tamén subliña a importancia da colaboración transfronteiriza e da convivencia e igualdade cos nosos veciños e veciñas portuguesas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario