15 de xul. de 2026

MEDIO AMBIENTE

A Xunta de Galicia salienta o incremento nun 35,5 % da poboación de gaivota patiamarela no Parque Nacional das Illas Atlánticas durante o último ano 

 Durante o reunión, presentáronse os resultados do censo 2025-2026 desta especie, que amosou un crecemento excepcional en Ons, se mantén no caso do arquipélago Cíes e se consolida en Sálvora, a illa con máis presenza desta especie


A directora xeral de Patrimonio Natural asistiu esta tarde á reunión do Padroado do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia
Foto: XG

Infogauda/Vigo

 A Xunta de Galicia salienta o incremento que experimentou a poboación de gaivota patiamarela no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia no último ano, ao rexistrarse un 35,5% máis de exemplares desta ave que no período anterior.  

 A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, participou hoxe en Vigo na reunión do padroado do Parque Nacional, onde, entre outros asuntos relacionados coa actividade e os proxectos que se desenvolven neste espazo protexido, se presentaron os principais resultados do censo de gaivotas patiamarelas.  

 Na súa intervención, Marisol Díaz puxo en valor que no período 2025-2026 se rexistraron un total de 6.072 parellas nos catro arquipélagos do parque, fronte ás 4.480 contabilizadas no ano anterior, o maior avance rexistrado nos últimos censos desta especie no espazo protexido.   

 A directora xeral sinalou que as Illas Atlánticas seguen a ser un dos refuxios máis importantes para as aves mariñas do norte peninsular, e engadiu que o traballo de seguimento e conservación que se realiza no Parque Nacional é clave para garantir a boa saúde das poboacións presentes no mesmo e confirman a tendencia de recuperación dalgunhas especies.  

 Durante o encontro, expuxéronse as conclusións sobre a presenza da gaivota patiamarela en cada un dos catro arquipélagos que conforman as Illas Atlánticas. Así, en Ons rexistrouse o maior crecemento porcentual, cun aumento do 71,3% no número de parellas estimadas, ao pasar de 659 a 1.129. O censo de Sálvora mantense como o de maior volume de poboación e consolídase como o núcleo con máis actividade reprodutora do parque, con 3.707 parellas. No caso das Cíes, o incremento desta especie mantense estable e o arquipélago de Cortegada segue a ser a zona de menor presenza de gaivota patiamarela.   

 No Padroado, abordouse tamén a proposta da oitava reserva da biosfera Rías Baixas, que ten como núcleo principal o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e estende o seu ámbito territorial desde O Porto do Son ata Baiona.  

 Ademais, tratáronse outros temas que afectan a este espazo, entre eles, informes sobre as actividades desenvolvidas en materia de conservación da biodiversidade ou sobre as últimas prospeccións arqueolóxicas en Cíes e en Ons. Para rematar, proxectouse un vídeo co fin de presentar ante os membros do Padroado as principais accións realizadas nos últimos meses en diferentes eidos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario