31 de xul. de 2026

PONTEVEDRA

O BNG denuncia que o proxecto da Deputación para a EP-2602 deixa sen solución as inundacións que sofre a veciñanza de Mos 

 A deputada Manuela Rodríguez critica que un ano despois de comprometerse a estudar o problema o goberno provincial anunciou unha actuación que non corrixe a deficiente recollida de pluviais nin evita que a auga siga a entrar nas vivendas 


A deputada Manuela Rodríguez, do grupo provincial do BNG na Deputación
Foto: BNG

Infogauda/Pontevedra

 O BNG provincial denunciou hoxe que o proxecto da Deputación de Pontevedra para a mellora da  estrada provincial EP-2602 (Peinador-Louredo) no concello de Mos non resolverá os graves problemas de inundacións que desde hai anos sofre a veciñanza situada entre os puntos quilométricos 1 e 2,2 da vía. A deputada provincial Manuela Rodríguez lembrou que o Bloque xa levara esta situación ao Pleno da Deputación en xullo do pasado ano, reclamando unha actuación urxente, mais a obra presentada polo goberno provincial para a estrada apenas supón unha reposición do firme sen actuación nas cunetas. 

 A nacionalista lembra que o Bloque solicitara unha actuación integral co fin de evitar que a auga da chuvia, favorecida pola inclinación da estrada e pola carencia ou deficiencia da recollida de pluviais, rematase entrando nas vivendas e propiedades da contorna. Naquel momento, a resposta do goberno provincial foi que o persoal técnico da Deputación acudiría á zona para analizar a situación e estudar unha posible solución. Segundo alerta Rodríguez, a situación segue sen visos de solución. “Pasou un ano, anunciouse un proxecto para renovar o firme da estrada e a realidade é que a veciñanza continúa exactamente igual: desatendida e co problema enriba”, lamentou Rodríguez. 

 Segundo explica a deputada nacionalista, o proxecto actualmente previsto pola Deputación apenas contempla a reposición do firme ao longo da estrada, pero só incorpora actuacións nas cunetas entre os puntos quilométricos 2,6 e 3,6, deixando sen resolver precisamente o tramo onde se producen as inundacións que afectan ás vivendas.  

 Por este motivo, o BNG presentou unha pregunta no Pleno de hoxe solicitando explicacións. Porén, o grupo nacionalista dá por feito no Pleno que a actuación prevista non solucionará o problema, polo que presentou tamén un rogo para que se introduzan as modificacións necesarias para garantir unha correcta evacuación das augas pluviais. 

 Rodríguez lembra que o Bloque defende que se aproveite a intervención prevista para actuar tamén sobre a drenaxe, dado que a falta de canalizacións e as deficiencias das existentes provocan que a auga acabe invadindo casas e propiedades, ocasionando importantes prexuízos á veciñanza. Ademais, a acumulación de auga na calzada incrementa o risco de accidentes e acelera o deterioro da propia infraestrutura, lembrou. “Sería moi absurdo actuar agora no firme e ter que actuar despois na drenaxe e as cunetas”, defende. 

 Para o BNG resulta “incomprensible” que, despois de recoñecer a necesidade de estudar a situación, a Deputación presente un proxecto que non incorpora as actuacións imprescindibles para eliminar un problema coñecido. “Non ten sentido investir recursos públicos en renovar o firme dunha estrada se se manteñen intactas as causas que provocan as inundacións cada vez que chove”, sinalou a deputada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario