O Rosal rexeita o macroproxecto de hidroeléctricas no Chan do Corno, en Portecelo
• O Concello alerta do risco para os acuíferos neste espazo de alto valor ambiental e lamenta a falta de información
• O Concello está xa a traballar nas alegacións a esta iniciativa e porá a disposición da veciñanza un modelo para que poidan deixar as súas propias alegacións
Infogauda/O Rosal
O Concello do Rosal manifesta o seu claro rexeitamento ao macroproxecto de hidroeléctricas con auga de mar na Serra da Groba, que contempla unha central no Chan do Corno, en Portecelo. O Goberno municipal destaca que esta iniciativa é incompatible coa conservación dun enclave de gran valor ambiental e que podería comprometer uns acuíferos fundamentais para o abastecemento de auga á poboación.
O Concello amosa a súa preocupación polo impacto que podería ter unha das balsas contempladas no proxecto sobre este espazo, considerado estratéxico polos seus recursos hídricos. Nun contexto de cambio climático, no que a dispoñibilidade de auga constitúe un dos grandes desafíos de futuro, o Concello do Rosal considera imprescindible priorizar a protección deste recurso.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, sinala que "non podemos permitir que un macroproxecto destas características poña en risco un espazo de enorme valor ambiental e uns acuíferos dos que depende a nosa veciñanza. A auga é un recurso estratéxico que debemos protexer por responsabilidade co presente e coas xeracións futuras". A rexedora considera ademais que se trata dunha actuación impulsada cun claro interese empresarial e sen un retorno real para o territorio, xa que non achegará riqueza nin oportunidades para o municipio nin para os seus veciños e veciñas.
O Concello critica tamén a falta de información sobre a iniciativa, xa que tanto a administración local como os axentes do territorio souberon da existencia do proxecto a través dos medios de comunicación e da súa publicación no Diario Oficial de Galicia [correspondente ao luns día 20 de xullo de 2026], sen que existise ningún proceso previo de comunicación ou participación. O Goberno municipal lamenta ademais que esta publicación se realizase nos últimos días de xullo, coincidindo co período vacacional e deixando só vinte días hábiles para presentar alegacións a un proxecto de enorme complexidade técnica.
Ante esta situación, o Concello xa está a preparar as súas alegacións e, ao mesmo tempo, elaborará un modelo de alegacións que estará dispoñible para toda a veciñanza a partir do vindeiro mércores. As persoas interesadas poderán presentalas a través do Rexistro municipal ata o 17 de agosto, expresando o seu rexeitamento ao proxecto ou incorporando aquelas consideracións ambientais e sociais que consideren oportunas.
Ademais, durante o mes de agosto o Concello organizará unha xornada aberta con persoas expertas en materia ambiental, hídrica e enerxética para ofrecer información rigorosa sobre o alcance desta iniciativa e as súas posibles consecuencias para o territorio.
O Concello do Rosal anima á veciñanza a participar neste proceso de alegacións para defender de forma colectiva un dos espazos naturais máis valiosos do municipio e uns recursos hídricos fundamentais para o seu futuro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario