O Concello de Oia convoca unha reunión informativa sobre o proxecto hidroeléctrico previsto na Valga
• A entidade local expresa a súa oposición ao proxecto e informará á veciñanza
O Concello de Oia convoca á veciñanza a unha reunión informativa o vindeiro xoves, 30 de xullo, ás 19:00 horas, nas Escolas de Loureza, para abordar o proxecto de central hidroeléctrica de bombeo con auga de mar promovido pola empresa Hidroeléctrica Fonte das Mañas (Beltaine Renewable Energy – antiga Jealsa Enerxía) e explicar a liña das alegacións municipais en contra da súa implantación.
Na sesión participará tamén a empresa TYSGAL, encargada da asistencia técnica ao Concello, que explicará de forma detallada o proxecto, a súa localización, os elementos principais da infraestrutura e os impactos asociados, así como os criterios técnicos e ambientais que sustentan as alegacións presentadas pola administración municipal.
O proxecto, actualmente en fase de solicitude de concesión de ocupación de dominio público marítimo-terrestre ante a Xunta de Galicia, contempla a construción dunha central de 49,77 MW, cunha balsa de almacenamento de 15,3 hectáreas situada no monte veciñal en man común da parroquia de Loureza (zona de O Barazal), unha captación no Porto de Fonte das Mañas e unha tubaxe de conexión de aproximadamente 2.000 metros.
O Concello considera imprescindible que a cidadanía dispoña de información completa e verificable sobre os posibles impactos ambientais, paisaxísticos, territoriais e socioeconómicos, así como sobre os procedementos administrativos en curso e os prazos de participación pública.
A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, destaca que o Concello “mantén unha posición clara en defensa dos intereses xerais de Oia e da protección do seu patrimonio natural”.
O Concello anima á veciñanza a asistir a esta reunión aberta, na que se dará conta das actuacións realizadas, se explicará a liña argumental das alegacións e se atenderán as dúbidas e achegas das persoas asistentes.

Ningún comentario:
Publicar un comentario