A Agrupación Musical do Rosal despídese da súa veciñanza cun concerto antes de partir ao Mundial de Bandas de Kerkrade
• O Auditorio Municipal do Rosal acollerá este domingo, 26 de xullo, ás 21:00 horas, o Concerto Pre-Certame co que a formación porá o broche final á súa preparación para participar no World Music Contest (WMC) Kerkrade 2026.
Infogauda/O Rosal
Despois de meses de intenso traballo, centos de horas de ensaios e unha preparación musical e organizativa sen precedentes, a Agrupación Musical do Rosal afronta xa a recta final do seu camiño cara ao World Music Contest (WMC) Kerkrade 2026, o certame para bandas de música máis prestixioso do mundo.
Antes de emprender a viaxe aos Países Baixos, a banda ofrecerá o Concerto Pre-Certame, unha actuación moi especial que terá lugar o domingo, 26 de xullo, ás 21:00 horas, no Auditorio Municipal do Rosal, baixo a dirección de Javier Alonso Pérez.
Este concerto será a última oportunidade para que o público poida escoitar en directo o programa co que a Agrupación Musical do Rosal competirá o vindeiro 1 de agosto na Concert Division do WMC Kerkrade 2026, representando a Galicia e ao municipio do Rosal nun escenario internacional de máxima esixencia artística.
Durante o último ano, os músicos e músicas da formación dedicaron innumerables horas de ensaio, tanto colectivos como por seccións, a preparar un repertorio de enorme dificultade técnica e musical. Un esforzo que se suma ao compromiso persoal de cada integrante e ao traballo de todo o equipo humano que fai posible este proxecto.
A actuación será tamén unha ocasión para agradecer o extraordinario apoio recibido por parte da veciñanza, institucións, empresas colaboradoras e persoas que, ao longo destes meses, participaron nas distintas iniciativas organizadas para facer realidade esta viaxe.
Como xa aconteceu nos anteriores concertos do ciclo de preparación, a entrada será mediante taquilla inversa, permitindo que cada asistente poida realizar unha achega voluntaria destinada a colaborar co financiamento da participación da banda no Mundial de Bandas.
A Agrupación Musical do Rosal anima a toda a cidadanía a acompañalos nesta despedida antes de partir cara a Kerkrade, nun concerto cargado de emoción, ilusión e responsabilidade, que simboliza o remate dun longo camiño de preparación e o inicio dun dos maiores retos da historia da entidade.
.jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario