23 de xul. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Atlético Guardés 2026/2027 inicia a súa singradura 

O persoal comezou este xoves os adestramentos para encarar as catro citas que a pretemporada lles ten preparadas para agosto 

Ania Ramos e Blazka Hauptman ausentaranse das primeiras sesións. As xuvenís Melina Rodríguez, Sabela Lomba e Silvia Lomba uniranse ao primeiro equipo nestas semanas preparatorias 

O Club comeza así a súa nova etapa, marcada por renovacións importantes no seu persoal, corpo técnico e directiva  


Foto de familia do cadro de persoal do Club Balonmán Atlético Guardés, membros da Xunta Directiva e colaboradores

Fotos: CBAG

José Ignacio Prades comezou os adestramentos con 18 xogadoras

Novas incorporacións ao cadro de persoal do Atlético Guardés
Xogadoras galegas

Redacción Deportes/A Guarda

 O Atlético Guardés 2026/2027 bota a andar. Este xoves, 23 de xullo comeza a pretemporada do equipo baixomiñoto, que enfoca os seus primeiros adestramentos cun persoal e corpo técnico renovados para un mes de agosto que lles augura catro competitivas citas.  

 Así, o pavillón da Sangriña recibiu os seus primeiros minutos de balonmán do ano deportivo. José Ignacio Prades comezou os adestramentos con 18 xogadoras: o persoal do primeiro equipo está xa ao completo a excepción de Blazka Hauptman, que chegará á Guarda o vindeiro luns por motivos burocráticos; e de Ania Ramos, que se atopa concentrada co conxunto nacional de República Dominicana ata o próximo 9 de agosto para disputar os Xogos Centroamericanos e do Caribe; e a elas súmanse as tres xuvenís Melina Rodríguez, Sabela Lomba e Silvia Lomba, que realizarán a pretemporada con elas. 

 O equipo pasará o recoñecemento obrigatorio médico este venres, 24 de xullo, deixándoo todo listo para unha preparación de curso intensa, que prevé sesións de mañá e de tarde para todas as semanas. 

 A base do Club, pola súa banda, botará a andar tamén nas próximas semanas, tendo este venres os pais a primeira reunión informativa coa nova coordinación, ás 21.00 horas no pavillón da Sangriña.  

Catro citas no calendario de agosto 

 A posta en marcha do equipo inclúe, ademais e como é habitual, varias citas amigables por distintos puntos da xeografía próxima. O primeiro partido do Atlético Guardés 2026/2027 será na Sangriña, que o sábado 8 de agosto acollerá o II Memorial Juan Rodríguez ante o Conservas Orbe Zendal BM Porriño.  

 A viaxe máis longa da pretemporada será o seguinte, co recoñecido Torneo Summer Bag de Villacelama, que este ano reúne os organizadores Atlético Guardés, Aula Valladolid e Super Amara Bera Bera co invitado Benfica. O primeiro rival das baixomiñotas será a Aula, o xoves, 13 de agosto, xogándose o venres, 14 os dous encontros restantes pola final e o terceiro e cuarto posto.  

 A terceira competición implicará repetir participación no Memorial Julio Gilsanz, que este ano celebra a súa terceira edición co anfitrión Porriño e os invitados Atlético Guardés, Rocasa Gran Canaria e Lobas Alimerka Oviedo. Cos cruzamentos aínda por determinar, as datas previstas son o venres, 21 e sábado, 22 de agosto, no municipal do Porriño. 

 A cita final xunta por terceira vez aos dous galegos da elite na esperada Supercopa de Galicia, que se xogará o domingo, 30 de agosto entre os equipos baixomiñoto e louriñés, previsiblemente en Tui, pero con detalles aínda por confirmar.  

 O gran título autonómico pechará a preparación para a tempada, que inicia a liga Guerreiras Iberdrola o mércores, 9 de setembro ás 20.30 horas recibindo ao Grafometal Sporting A Rioxa na Sangriña.  

Nova tempada, nova etapa 

 Esta tempada supón máis que un novo ano deportivo para o Atlético Guardés, pois o equipo baixomiñoto viviu cambios en todas as áreas posibles no último mes e medio. Por unha banda, tras a saída do principal patrocinador, Mecalia, e do seu anterior presidente, Jesús López, a vertente organizativa do Club tivo que reformularse para reconducir a súa viabilidade e obxectivos.  

 Fernando Reyes liderará este 2026 a súa primeira tempada como presidente, co apoio de López e Laura Baz como segundos ao mando e da man dunha Xunta Directiva composta por outras oito persoas. A maioría delas, sangue novo, aínda que contan co apoio dalgúns antigos membros que seguirán vinculados á entidade xa sexa como parte da nova cabeza organizativa ou ben en calidade de colaboradoras. A esta redirección no organigrama, por suposto, acompáñaa unha necesaria e intensa procura de novos patrocinadores á que tamén lle espera un atarefado mes de agosto. 

 Os cambios máis visibles, con todo, serán a nivel deportivo, comezando polo seu persoal: 11 das 17 xogadoras actuais continúan con respecto á pasada campaña, pero o conxunto conta con seis novas incorporacións para suplir as seis saídas que obrigarán a estruturar a estratexia competitiva. En primeiro lugar, a nivel xerárquico, pois a baixa de María Sancha deixa ao grupo coa tarefa de escoller nova capitá, que será anunciada nas próximas semanas; e en segundo lugar, a nivel físico e de proxección: a media de idade do persoal baixo agora dos 25 anos, con algunhas xogadoras veteranas pero marcada por unha maioría de xogadoras que non superan os 23.  

 Unha serie de detalles que deberán conxugarse coa aterraxe dun corpo técnico tamén renovado en gran medida: José Ignacio Prades recolle a testemuña de Ana Seabra para iniciar unha prometedora segunda parte no Club ao que deu o seu primeiro título ligueiro, acompañado dun Fabio Lima que tamén volve vestir as cores guardesas para relevar a Willian Ferrari como segundo adestrador. O posto de delegada, ata o de agora e desde 2021 ocupado por Gloria Rodríguez, quen tamén exercía de vicepresidenta, retomarao Elena García para compatibilizalo cos labores de prensa, comunicación e mercadotecnia do Club; e Deisy Collazos tamén cesa como médica do Club para ser relevada por Maite Fernández. Para rematar, Iván Fernández e Jorge Alonso Fajar continúan como preparador físico e fisioterapeuta do persoal, respectivamente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario