15 de xul. de 2026

O ROSAL

Este venres comeza a XXXIV Feira do Viño con tres días de programación cultural para descubrir o mellor do Rosal  

  A inauguración oficial estará precedida pola charla-coloquio "O Futuro do Viño do Rosal", a cargo do pregoeiro Antonio Candelas  


Vista parcial da praza do Calvario que desde este venres volverá converterse no gran escaparate dos viños da subzona do Rosal da Denominación de Orixe Rías Baixas
Foto: COR
 

Infogauda/O Rosal

 A conta atrás remata. O Rosal abre este venres as portas da XXXIV Feira do Viño do Rosal, tres xornadas nas que a praza do Calvario volverá converterse no gran escaparate dos viños da subzona do Rosal da Denominación de Orixe Rías Baixas. Ata o domingo 19 de xullo, veciñanza e visitantes poderán desfrutar dunha programación que combina viño, gastronomía, música, patrimonio e actividades para todos os públicos. 

 A inauguración oficial celebrarase o venres ás 19.30 horas e contará co pregón de Antonio Candelas, bioquímico, enólogo, xornalista e un dos principais divulgadores da cultura do viño en España. Antes do acto inaugural, ás 18.30 horas, ofrecerá a charla-coloquio "O Futuro do Viño do Rosal", unha actividade aberta ao público que convida a reflexionar sobre os retos e oportunidades do sector vitivinícola. 

 A Feira reforza a súa dimensión familiar con programación cultural pensada para todas as idades, pero poñendo o foco nos máis pequenos da casa. O espectáculo itinerante Girafes, da compañía catalá Xirriquiteula Teatre, será un dos grandes atractivos da fin de semana, xunto aos espectáculos Clownamorado e O conto de Barrigaverde, así como os obradoiros infantís de cociña e reciclaxe.  

 A música volverá acompañar cada xornada da feira coas actuacións de The Tetas' Van, El Cuarto de Tula e The Pretty Shirts, ademais das sesións vermú de Groovin Folks e Awen e do pasarrúas do Grupo de Gaitas Airiños do Folón, configurando unha programación que percorre estilos como o pop-rock, a música cubana, o rock, o soul, o blues ou a música tradicional galega. 

 Entre as novidades desta edición destaca o Túnel do Viño, unha experiencia no Museo do Cabaqueiro que, da man dun sumiller, permitirá descubrir a riqueza dos viños do Rosal dunha forma máis divulgativa e participativa. Nesta edición serán once as adegas participantes, consolidando o crecemento da feira. 

 A programación complétase cunha ampla oferta gastronómica, exposicións, visitas guiadas ao patrimonio e diferentes actividades culturais, convertendo a Feira do Viño nunha experiencia que vai moito máis alá da degustación. 

 Para facilitar os desprazamentos, repetirase o servizo especial de autobuses que conectará o Rosal con distintos puntos da comarca, favorecendo unha mobilidade máis segura e sostible. A feira manterá tamén as medidas que lle permitiron obter a certificación como festa sostible, entre elas os vasos reutilizables, a recollida selectiva de residuos e os puntos de auga potable de libre acceso. 

 Durante tres días, O Rosal volverá abrir as portas ao seu viño, ao seu patrimonio e á súa cultura, convidando a descubrir un territorio que vive e medra arredor dunha das súas tradicións máis emblemáticas.  

INSCRICIÓN ÁS ACTIVIDADES INFANTÍS CON RESERVA: https://bit.ly/4vNBDID   

 A XXXIV Feira do Viño do Rosal está organizada polo Concello do Rosal e a Asociación de Cabaqueiros do Viño do Rosal, e conta co apoio dos fondos europeos a través do Programa de Cooperación INTERREG VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, da Deputación de Pontevedra, da Xunta de Galicia e de Abanca. A colaboración destas entidades fai posible o desenvolvemento dunha cita que promove o viño do Rosal, o seu territorio, a súa cultura e o seu patrimonio.


Ningún comentario:

Publicar un comentario