BALONMÁN FEMININO
O Guardés vai a pola EHF European League
• Tras conquistar a EHF European Cup a pasada tempada e despexando por fin as dúbidas sobre a súa participación en Europa este curso, o equipo miñoto confirmou a súa praza na competición continental inmediatamente superior para 2026/2027
• O Guardés iniciará o campionato na segunda rolda e coñecerá ao seu primeiro rival no sorteo de mañá, martes ás 11 horas, para disputala a dobre partido entre o 3 e 11 de outubro
Imaxe para a historia do Club Balonmán Atlético Guardés coas xogadoras do equipo senior celebrando ao carón dos seareiros, a consecución do título de campioas de Europa na tempada 2025/2026
Foto: SportCoeco
Redacción Deportes/A Guarda
O Club Balonmán Atlético Guardés despexa unha das maiores incógnitas para a vindeira tempada 2026/2027 e estará presente en Europa un ano máis. Despois de erguer o trofeo de campión da EHF European Cup o pasado maio, o equipo miñoto aposta agora pola competición inmediatamente superior e probará sorte nunha EHF European League de alto nivel e que conta con outros tres participantes españois. Mañá, martes 14, coñecerá ao seu primeiro rival para a Rolda 2.
Así, a pasada semana o Guardés recibía a confirmación da súa praza neste torneo, o segundo a nivel continental e ao que se incorporará na primeira eliminatoria da competición, denominada Round 2 ou segunda rolda (a Rolda 1 non se xoga). A European League, conquistada o ano pasado polo Dijon francés, conta na tempada 2026/2027 con 44 participantes, entre os cales se atopan outros tres clubs españois: Rocasa Gran Canaria, Super Amara Bera Bera e Costa del Sol Málaga.
Deses 44, 32 iniciarán o seu camiño nesta primeira fase clasificatoria, divididos en dous bombos de 16 que se emparellarán no sorteo deste martes 14 de xullo, ás 11 horas para disputar unha rolda de ida e volta que deberá ser xogada as fins de semana do 3-4 e 10-11 de outubro. Os participantes son os seguintes, atopándose o rival do equipo baixomiñoto entre os do Bombo 2:
Os 16 gañadores deste primeiro cruce avanzarán á Rolda 3, na que participarán outros oito equipos xa clasificados e exentos da anterior: os españois Super Amara Bera Bera e Costa del Sol Málaga, o checo Házená Kynzvart, o húngaro MOL Esztergom, o romanés HC Dunarea Braila, o polaco MSK Zaglebie Lubin, o croata RK Lokomotiva Zagreb e o alemán HSG Bensheim/Auerbach Flames. Neste caso, o sorteo celebrarase o 13 de outubro e os contendentes citaranse entre o 7 e o 15 de novembro.
A mecánica da competición continúa cos 12 gañadores que lograrán un billete para a fase de grupos, uníndose aos catro clubs que acceden directamente a ela: o actual campión JDA Bourgogne Dijon, o alemán Thüringer HC, o danés Ikast Handbold e o húngaro DVSC Skyline.
Os oito mellores (primeiro e segundo de cada grupo) avanzarán a cuartos de final xa sen sorteo de emparellamentos de por medio, e os catro gañadores xogarán, por último, as EHF Finals definitivas: un evento de tres partidos (dúas semifinais e unha final) a celebrar nunha mesma fin de semana nunha localización común para todos.
En calquera caso, trátase dun longo camiño cara á gloria para un Atlético Guardés que xa sabe o que é erguer un título europeo. Compartirá, nesta ocasión, obxectivo con varios clubs coñecidos, participantes algúns da edición previa da EHF European Cup e rivais na súa liga nacional outros, pero en todo caso equipos de moi alto nivel nunha competición que só dous españois lograron coroar en toda a súa historia, os xa extintos Ferrobús Mislata (2000) e SD Itxako Navarra (2009).
O equipo baixomiñoto, de feito, xa ten certo historial neste segundo torneo europeo, pois participou na tempada 2021/2022: superou na Round 2 cunha dura loita ao Hypo Niederösterreich que agora podería repetir como rival (48-53); e caeu na seguinte eliminatoria ante o Besançon francés, aínda que con honra e recollendo unha importante experiencia (64-47). Será cuestión de ver como afronta o seu segundo intento un Club que quere seguir a facer historia alén das súas fronteiras.
Fernando Reyes: “Valorando a penalización que implicaría non participar e a contrapartida de gasto que suporá, compénsanos estar”
O presidente do Club Balonmán Atlético Guardés, Fernando Reyes, quixo explicar os motivos para confirmar a praza do equipo na EHF European League, unha decisión moi comentada entre os socios e afeccionados do Club dadas as horas baixas que a entidade vive a nivel económico. O ano pasado, o equipo miñoto tiña dereito a esta mesma competición, se ben renunciou a esta praza para competir na EHF European Cup, que non requiría abonar unha fianza de entrada e con mellores perspectivas a nivel deportivo.
A partir de agora, porén, xa non está permitido optar por xogar un torneo inferior, e no caso de renunciar á praza unha vez formalizada a inscrición, o Club enfrontaríase a importantes sancións. Así o explica Reyes: “Se ben o feito de participar supón, evidentemente, un custo a nivel de desprazamentos ou pago de taxas, na regulación da EHF interprétase a inscrición coma un contrato, polo que, se o incumprimos renunciando á participación, teremos unha penalización”. Penalización, detalla, a varios niveis: “A sanción económica pode mesmo acadar os 25.000 euros, e implica que non te permitan participar en competicións europeas nos vindeiros dous anos”.
Por todo iso, “valorando as penalizacións e a contrapartida que ten o gasto que suporá participar, evidentemente, compénsanos estar”, engade o presidente. A nova Directiva tratará de sufragar os gastos das eliminatorias ás que avance o Guardés de varias formas, “a través da obtención de ingresos coa venda de entradas, patrocinios...”; mais as perdas ocasionadas en ningún caso superarían o custo de renunciar á praza. Por suposto, Reyes tamén valora esta decisión coma un sacrificio en nome do deporte, un premio ao plantel que o ano pasado deuno todo por erguer o primeiro trofeo continental da historia do balonmán galego e, en definitiva, unha aposta por seguir a levar o nome da Guarda o máis lonxe posible.



Ningún comentario:
Publicar un comentario