13 de xul. de 2026

A GUARDA

Voltan as gameliñas

 A cita será o vindeiro xoves, 16 de xullo, ás sete do serán, no porto guardés


Un momento dunha das regatas de gameliñas na edición de 2025
Foto: CAG

Infogauda/A Guarda

 A Guarda volverá vivir unha tarde de tradición mariñeira coas regatas de gameliñas e bateis organizadas con motivo da festividade da Virxe do Carmen. A cita será o vindeiro xoves, 16 de xullo, ás sete do serán, no porto guardés, onde rapazas e rapaces de distintas idades competirán nunha das actividades máis representativas da cultura marítima local.  

 As probas desenvolveranse nas categorías masculina e feminina, distribuídas por idades en tres grupos: prealevín (de 8 a 10 anos), alevín (de 11 a 12 anos) e infantil (de 13 a 15 anos). O obxectivo é fomentar entre a mocidade a práctica do remo tradicional e contribuír á conservación dun patrimonio profundamente ligado á identidade mariñeira da vila.

 As inscricións poderán formalizarse na praia da Ribeira ata o 15 de xullo, un día antes da celebración das regatas.

 A iniciativa está organizada pola Comisión de Festas da Virxe do Carmen da Guarda e pola Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, entidades que un ano máis unen esforzos para promover unha xornada de deporte, convivencia e tradición, convertendo o porto nun punto de encontro para participantes, familias e público.

Ningún comentario:

Publicar un comentario