13 de xul. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN

Aprobada a nova Xunta Directiva do Guardés 

A asemblea de socios do club baixomiñoto aprobou o pasado venres ao novo equipo de goberno da entidade 

Con Fernando Reyes á cabeza e Jesús López como a súa man dereita, a Directiva consta de 11 membros, a meirande parte de nova incorporación 


Imaxe dos seareiros nas bancadas do pavillón municipal da Sangriña animando as xogadoras do Club Balonmán Atlético Guardés
Foto: SportCoeco

Redacción Deportes/A Guarda

 Solucionada a crise de goberno no Club Balonmán Atlético Guardés. Tras un mes de incerteza ante a saída do principal patrocinador e a consecuente dimisión do seu anterior presidente, a entidade baixomiñota reconstituíuse a nivel organizativo da man de Fernando Reyes, quen viu aprobada a súa proposta de Xunta Directiva o pasado venres na Asemblea Xeral Extraordinaria de socios e abonados. 

 Así, con Reyes á cabeza como novo presidente, o club baixomiñoto conta agora cunha nova Directiva de once membros. Jesús López, o seu predecesor, actuará de vicepresidente primeiro, da man de Laura Baz como vicepresidenta segunda. Olga Sobrino ocupará a secretaría e Jorge Montes será o novo tesoureiro. Os demais seis membros forman parte deste novo equipo de goberno como vogais, algúns deles xa presentes na anterior composición orgánica: Enrique Martínez, Pilar Martínez, José Manuel Rodríguez, Roberto Bonnín, Vicente Eiras e Melanie Iglesias. 

 Ademais, o novo proxecto conta cun total de 12 colaboradores próximos que axudarán nos labores cotiáns para equilibrar o reparto de tarefas e contribuír ao traballo organizativo de partidos, eventos, actividades... 

 A nova Directiva do Club Balonmán Atlético Guardés, renovada e nutrida cun maior número de membros que ata agora, traballa xa nos asuntos máis urxentes que a ocupan, coma a campaña de socios para a tempada 2026/2027, que se publicará proximamente, e a captación de novos patrocinadores. Polo de agora, a primeira decisión que tomou é a participación do primeiro equipo na EHF European League, cuxa praza foi confirmada pola mesma federación europea nos últimos dias e que finalmente o Club decidiu aceptar para evitar sancións. 

 Coma o presidente da entidade detallaba nunha carta á afección publicada a pasada semana, a principal tarefa desta Xunta Directiva será sanear as contas do Club Balonmán Atlético Guardés na medida do posible e valorar a súa viabilidade en base a indicadores cuxa evolución revisarase nos vindeiros seis meses. Noutras palabras, este novo equipo de goberno marca o comezo de 2027 como o momento a partir do cal tomar decisións vinculantes de cara ao futuro a longo prazo do Club.

Ningún comentario:

Publicar un comentario