BALONMÁN FEMININO
O Atlético Guardés ficha a experiencia de Ana Marín baixo paus
• A porteira de Mijas, procedente do San José Obrero, chega ao Guardés para acompañar a Sabina Mínguez baixo paus
• Marín, de 29 anos, aportará a experiencia froito dun percorrido de sete anos no seu anterior Club, co que viviu dous ascensos á elite e no que chegou a ser capitá
Redacción Deportes/A Guarda
O Atlético Guardés anuncia a súa primeira incorporación para a tempada entrante. Este 2026, a portería do equipo baixomiñoto reforzarase coa experiencia de Ana Marín, xogadora malagueña de 29 anos, procedente dunha estable traxectoria no San José Obrero.
Natural de Mijas, Marín conta cun importante percorrido na División de Honra malia a súa idade. Desembarcou por primeira vez na elite con tan só 18 anos da man do Canyamelar, e militou como titular defendendo a portería do Málaga durante unha tempada. Dende 2019, creceu como xogadora durante un ciclo de sete anos nas filas do San José Obrero, vivindo co club canario dous ascensos á primeira categoría e chegando a exercer coma unha das capitás do equipo.
Este 2026, a gardameta malagueña vén ao Atlético Guardés en busca dunha nova etapa na súa carreira deportiva, así coma dun novo grupo no que facerse un oco. Sobre a pista, o seu carácter baixo paus convértena no mellor complemento para a nova Sabina Mínguez, conformando ambas un dúo versátil que deberá secundar ante a rede ao característico 6-0 baixomiñoto.
Ana Marín é a primeira fichaxe anunciada polo Atlético Guardés para o seu proxecto 2026/2027, uníndose ás renovadas Cecilia Cacheda, María Palomo, Cristina Cifuentes, Ania Ramos, Carme Castro, Elena Martínez, Rosane Serrano, Nerea Gil e Sabina Mínguez.
Ana Marín: “Decidín vir porque creo que é o sitio perfecto para seguir a medrar como xogadora”
A nova porteira do Atlético Guardés, Ana Marín, amósase “moi contenta e ilusionada” pola súa fichaxe. “Este é un Club que leva moitos anos a facer as cousas moi ben, sempre pelexando por estar arriba e conseguindo grandes resultados”, explica a de Mijas, para quen “o que lograron estas últimas tempadas proba o nivel e a ambición que ten o equipo”. Por todo iso, a gardameta indica que “para min, é un orgullo poder unirme a este proxecto”.
Sobre os motivos para dar o paso, Marín cre que o equipo baixomiñoto “é o sitio perfecto para seguir a medrar como xogadora”. Ademais, destaca “a confianza do Club” que sentiu “dende o primeiro momento”, feito ao que aporta especial importancia e que a deixa con “moitas ganas de afrontar un novo reto nun equipo con obxectivos tan ilusionantes”. A porteira promete “aportar o meu carácter, o meu compromiso e axudar ao equipo en todo o que poida” nesta nova tempada, da que espera “un ano moi bonito” grazas, en parte, á oportunidade que supón competir en Europa de novo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario