21 de xul. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Atlético Guardés aposta pola mocidade de Aintzane García para o estremo 

A navarra, zurda e de tan só 20 anos, chega de brillar durante tres tempadas no estremo dereito do Cleba de División de Honra Ouro 

García é a segunda fichaxe do Club para o vindeiro ano, xunto con Ana Marín para a portería 


Aintzane García
Foto: Cedida

Redacción Deportes/A Guarda

 O Atlético Guardés continúa a sumar proxección ao seu cadro de persoal. A segunda incorporación do equipo baixo miñoto para este 2026 é Aintzane García, estremo dereito navarra que viña destacando coa súa zurda coma unha das goleadoras da División de Honra Ouro. 

 García é natural de Huarte, Navarra, e con tan só 20 anos vén brillando no ataque do Cleba León da segunda categoría dende hai tres tempadas. Destaca pola súa grande capacidade de traballo e pola súa velocidade dende o estremo dereito, ao que se aproxima cunha potente zurda que anotou preto dun centenar de goles o curso pasado. 

 Por suposto, o seu maior activo está na súa mocidade, pois este 2026 chega para aportar máis proxección a un cadro de persoal guardés que verá a súa media de idade descender nesta nova etapa. Trátase dunha nova promesa procedente dunha base castelá que xa deu varias alegrías ao equipo baixomiñoto, pois do mesmo conxunto leonés procedían a excapitá María Sancha e a xogadora que loce aínda o vermello e o branco no estremo oposto do 40x20, Ania Ramos. Internacional xuvenil e universitaria, a navarra desembarca no Atlético Guardés para dar un ilusionante salto á elite da man dun Club que segue a apostar polo talento novo. 

 Aintzane García é a segunda fichaxe anunciada polo Atlético Guardés para o seu proxecto 2026/2027, uníndose a Ana Marín como nova incorporación. Ambas compartirán vestiario coas renovadas Cecilia Cacheda, María Palomo, Cristina Cifuentes, Ania Ramos, Carme Castro, Elena Martínez, Rosane Serrano, Nerea Gil e Sabina Mínguez. 

Aintzane García: “Veño con moita ilusión e moitas ganas de aprender” 

 A nova xogadora do Guardés, Aintzane García, fala con emoción da súa fichaxe polo Club: “Veño con moita ilusión e con moitas ganas de aprender”. A nova estremo busca medrar no que considera que é un “gran equipo”, e do que destaca especialmente “unha afección espectacular” que a deixa “desexando xogar na Sangriña e dar o mellor de min para o equipo e a súa xente”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario