BALONMÁN
José Ignacio Prades volve á casa para liderar o Atlético Guardés 2026/2027
• O técnico petrerí, artífice dun dos mellores momentos deportivos do club baixomiñoto entre 2016 e 2022, colle as rendas do proxecto dez anos despois
• Prades recolle o testemuño de Ana Seabra para dirixir un plantel renovado de 17 xogadoras co que facer fronte sobre a pista ás dificultades económicas
• Fabio Lima tamén regresa á entidade para ser o segundo adestrador
• Ademais, o preparador alacantino será o novo coordinador da base do Club
Redacción Deportes/A Guarda
José Ignacio Prades volve á casa. Dez anos despois do seu primeiro desembarco na vila guardesa, o técnico de Petrer regresa ao Club Balonmán Atlético Guardés para coller as rendas do proxecto deportivo da entidade miñota a varios niveis.
Entre 2016 e 2022, o preparador alacantino foi artífice do mellor ciclo do Atlético Guardés ata a data, levando o primeiro equipo a conquistar aquela primeira Liga en 2017 e o igualmente histórico subcampionato copeiro de 2022. A constancia e a regularidade foron a chave dunha etapa marcada por moitos outros grandes resultados, ata que ao termo de seis tempadas Prades tomou un novo rumbo. Tras escribir outros capítulos no corpo técnico da Selección Española, á fronte do Elda Prestigio ou do equipo nacional serbio, e dez anos despois da súa primeira vinda, o de Petrer recupera agora o temón dun dos clubs que máis marcaron a súa carreira.
Este 2026, Prades regresa ao equipo despois do tamén moi exitoso ciclo de Ana Seabra, que se salda cun título de fase regular ligueira, un novo segundo posto na Copa da Raíña e dúas finais europeas, a última delas co extraordinario resultado xa de sobra coñecido. O técnico buscará estender o bo rendemento deportivo do conxunto, aínda que tendo que afrontar unha situación económica algo máis delicada que á súa saída do Club hai catro anos.
En calquera caso, e malia as limitacións dun proxecto humilde e que verá o seu cadro de persoal bastante modificado pola mesma razón, o petrerí conta os días para facer soñar á Sangriña unha tempada máis. Para iso, Prades contará co apoio de Fabio Lima, outro vello coñecido da entidade que volve apenas un ano despois de despedirse para relevar a Willian Ferrari, man dereita de Seabra.
José Ignacio Prades: “Imos intentar competir contra todo e contra todos para estar o máis arriba posible sempre”
O novo adestrador do Atlético Guardés, José Ignacio Prades, explica que ten “moitísimas ganas de comezar outra vez esa rutina cotiá de equipo e de grupo”. Sobre os motivos para o seu regreso, o de Petrer destaca o compoñente familiar, pois fixo a súa vida na Guarda durante a súa etapa anterior no Club e nunca abandonou a súa residencia na vila baixomiñota: “O feito de estar preto da miña familia é o que máis pesou nesta decisión, estou na casa e ao carón dos meus”.
Sobre o proxecto, Prades destaca que é “sempre competitivo, independentemente do potencial económico que se poida ter, que non vai ser o dos anos anteriores”. Coñecedor da humilde entidade baixomiñota, o técnico lembra que “nunca tampouco o Guardés se caracterizou por ser o equipo que máis xogadoras ten”, senón “máis ben, por ser sempre moi competitivo e facer da súa afección e do seu grupo o mellor activo”, o cal “imos intentar potenciar” a partir deste curso.
É esa cultura local tan propia a que o de Petrer quere comezar a explotar no seu novo capítulo no Club. “Creo que é un proxecto bonito, onde a importancia da base espero que sexa cada vez maior”, explica, xa que “estou seguro de que a xente que veña xogar ao Atlético Guardés será xente que teña o foco posto no balonmán e que van deixalo todo”. Esa ilusión polo deporte, por chegar a conseguir algo grande malia as dificultades, será a gasolina para a tempada entrante: “Imos intentar, coma sempre e sen poñernos ningún tipo de presión, competir contra todo e contra todos para estar o máis arriba posible sempre”.
Prades, tamén á fronte da base do Club
Precisamente, este regreso non afectará só ao equipo elite do Atlético Guardés, senón que Prades volve para capitanear o proxecto a tódolos niveis: trala saída de Lucía Cruces, o técnico petrerí asumirá a coordinación da base do Club, decidido a prolongar o crecemento sostido que viviu nos últimos anos.
“Imos intentar que a base sexa unha das pedras fundamentais do novo proxecto que agora comeza”, afirma o novo coordinador. Esta importancia chave pasa por mellorar a nivel formativo: trátase de que “de aquí a tres ou catro anos, sexamos capaces de que as nenas da Guarda poidan mellorar as súas prestacións”.
Mais a fórmula para logralo, aos seus ollos, pasa por incrementar o poder de captación: “Imos intentar aproveitar o tirón que sempre ten o equipo na vila, que é algo incrible”, para “que o máximo número de nenas posible practique balonmán e que, ao final, medremos moito a nivel de Club e a nivel de base”. O obxectivo final e, “con moitísimo traballo”, non será só facer que elas sexan máis, senón sobre todo, “mellores”.
A primeira xuntanza informativa da nova coordinación cos pais das xogadoras dos equipos de base será este venres, 24 de xullo ás 21.00 horas no pavillón da Sangriña.

Ningún comentario:
Publicar un comentario