BALONMÁN FEMININO
O Guardés comezará a European League visitando ao Boden sueco
• O sorteo celebrado esta mañá emparellou ao equipo baixomiñoto co Boden Handboll IF de Suecia para a Round 2 da competición continental.
• Trátase dun equipo ausente dos torneos europeos e que debutará na League, pero forte nas súas competicións nacionais e cun persoal moi físico
• A ida xogarase a domicilio no país nórdico o 3 ou 4 de outubro, mentres que a volta está prevista para o 10 ou 11 na Sangriña
Redacción Deportes/A Guarda
O Atlético Guardés xa coñece ao seu primeiro rival para a nova andaina europea. O sorteo celebrado pola EHF este martes pola mañá emparellou ao equipo baixomiñoto co Boden Handboll IF, de Suecia, para disputar a primeira eliminatoria da European League, na que o rival nórdico debuta este ano. Os duelos están previstos para o 3 ou 4 de outubro en Suecia e o 10 ou 11 na Sangriña, con detalles aínda por confirmar.
A bóla do Atlético Guardés foi a última en saír escollida esta mañá no sorteo da Round 2 da EHF European League, primeira eliminatoria a dobre partido da competición. E tras varios minutos de espera, o azar quixo que o primeiro rival do equipo baixomiñoto para esta nova aventura continental sexa o Boden Handboll IF, equipo sueco con apenas historial nos torneos de EHF e que este ano debuta na segunda categoría.
Trátase dun rival polo momento descoñecido para o equipo da Guarda, pero ao que avalan os seus resultados nacionais. Fundado en 2009, coa intención de recoller a testemuña do antigo Hornskrokens IF da mesma cidade, o Boden defende xa oito tempadas na Handbollsligan, a elite sueca, dun total de 18 cursos deportivos de historia. O Club parece atoparse nun gran momento, pois no 2025 certificou o seu regreso á primeira división despois de catro anos na segunda, para finalizar a campaña 2025/2026 co quinto posto ligueiro e o título da ATG Svenska Cupen, copa nacional análoga á nosa Copa da Raíña que lles valeu esta histórica praza continental.
A tradición sueca presume dun crecente nivel nos seus últimos anos, achegando tres clubs a esta edición da European League: alén do Boden, o Skara e o Sävehof; dous dos principais contendentes polos títulos nacionais cada ano. O rival nórdico do Atlético Guardés, en concreto, contou recentemente no seu persoal con activos potentes como as internacionais sueca e neerlandesa, respectivamente, Isabelle Anderson e Donna Bakker; así como a goleadora Mia Lagumdzija ou a gardameta Mie Sorensen, que militará esta tempada 26/27 no Granollers.
En definitiva, trátase dunha proposta que de seguro fará valer a fama de potencia física que rodea aos países nórdicos, e con ganas de pisar forte no seu regreso a un periplo continental. A última participación europea das de Boden data de 2019, e é case a única: só nos cursos 17/18 e 18/19 as suecas competiron na Challenge Cup, polo que este ano debutarán directamente no segundo chanzo de EHF para tratar de facerse un nome entre os mellores de Europa.
Polo demais, o Atlético Guardés xa traballa con datas orientadoras para este primeiro duelo, que ademais comporta un longo desprazamento que o Club deberá planear con antelación e coidado ao detalle: a ida desta primeira eliminatoria xogarase previsiblemente o 3 ou 4 de outubro no Bodens Energi Arena; mentres que A Sangriña terá a última palabra a fin de semana seguinte, sábado 10 ou domingo 11 de outubro. En caso de prosperar, as galegas avanzarían a unha Round 3 na que poderían atoparse aos compatriotas Bera Bera e Málaga como rivais, así como ao Rocasa Gran Canaria, no caso de que tamén superase esta primeira rolda.
Os emparellamentos dos 16 participantes da Round 2 defínense do seguinte xeito:
KRASON MSK Piotrcovia PT (Polonia) – PGE MKS EI-Volt Lublin (Polonia)
GC Amicitia Zürich (Suíza) – VfL Oldenburg (Alemaña)
Viborg HK (Dinamarca) – AEK (Grecia)
ZRK Bjelovar (Croacia) – Chambray Touraine Handball (Francia)
St. Amand HB-Porte du Hainaut (Francia) – Vác (Hungría)
Molde Elite (Noruega) – AC PAOK (Grecia)
Skara HF (Suecia) – Tertnes Bergen (Noruega)
CSM Corona Brasov (Romanía) – ZRK Crvena Zvezda (Serbia)
SCM Ramnicu Valcea (Romanía) – TUSSIES Metzingen (Alemaña)
Sport Lisboa e Benfica (Portugal) – ZRK Zrinski Cakovec (Croacia)
Rocasa Gran Canaria (España) – LC Brühl Handball (Suíza)
HC Gjorche Petrov-WHC AD Skopje (Macedonia do Norte) – DHK Banik Most (República Checa)
Hypo Niederösterreich (Austria) – IK Sävehof (Suecia)
OGC Nice Côte d’Azur Handball (Francia) – Larvik (Noruega)
ZRK Naisa Nis (Serbia) - Bursa Büyüksehir BSK (Turquía)
Boden Handboll IF (Suecia) – Club Balonmán Atlético Guardés (España)
Cecilia Cacheda: “Non é o peor rival que podería tocarnos, pero será unha eliminatoria dura”
A xogadora do Atlético Guardés, Cecilia Cacheda, considera que o Borden, a pesar de ser un equipo relativamente recente, “está a facer un bo proxecto”, do que é síntoma ese campionato copeiro que lles deu esta praza europea o curso pasado. “O ano pasado non xogaron en Europa, polo que esperamos que suban un pouco o nivel pola aposta económica que están a facer”, explica a lalinense, e sen coñecer en profundidade ao rival prevé que as súas se atopen a “un equipo moi nórdico, moi forte en densa e con moito lanzamento exterior, e tamén moi potente fisicamente”.
O sorteo, a ollos de Cacheda, foi positivo polos dereitos de pista: “A nosa vantaxe seguramente sexa que xogamos a volta na Sangriña, o cal sempre é un aliciente e un punto a favor, porque sabemos que sempre xogamos cun máis”. Como valoración xeral, a central sentenza que, aínda que “non é o peor rival que nos podería tocar, creo que será unha eliminatoria igualada”, pois todos os partidos desta European League preséntanse como “moi, moi duros”.
.jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario