O XXIX Encontro de Bandas de Música reunirá este venres en Goián ás formacións de Ordes e da vila anfitrioa
Infogauda/Goián
A Agrupación Musical de Goián celebrará este venres, 17 de xullo, a partir das 21:30 horas, a vixésimo novena edición do seu tradicional Encontro de Bandas de Música, unha das citas máis consolidadas do calendario cultural do verán no Baixo Miño.
O Espazo Fortaleza de Goián volverá ser o escenario deste concerto, que nesta ocasión reunirá á Banda de Música de Ordes e á formación anfitrioa, a Agrupación Musical de Goián, nunha velada que permitirá ao público gozar do traballo de dúas bandas cunha ampla traxectoria dentro do panorama musical galego.
O encontro mantén vivo un formato que, desde hai case tres décadas, fomenta o intercambio entre agrupacións musicais, favorece a convivencia entre os seus integrantes e achega ao público o amplo repertorio que caracteriza este tipo de formacións, auténticos referentes da vida cultural en numerosas vilas e concellos de Galicia.
A Agrupación Musical de Goián, organizadora do evento, continúa apostando por unha iniciativa que ano tras ano reúne centos de persoas arredor da música de banda, converténdose nun espazo de encontro tanto para os afeccionados como para os propios músicos.
A celebración do XXIX Encontro de Bandas de Música conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Tomiño, entidades que apoian a continuidade dunha cita xa plenamente consolidada na programación cultural estival da comarca.
A entrada ao concerto será libre, polo que a organización convida á veciñanza e aos visitantes a asistir a unha noite na que a música volverá ser a gran protagonista no incomparable marco do Espazo Fortaleza de Goián.

Ningún comentario:
Publicar un comentario