15 de xul. de 2026

CULTURA

Allariz acollerá un roteiro teatral inspirado na mirada fotográfica de Xosé Suárez 

 



Infogauda/Allariz

 O Concello de Allariz organiza o vindeiro 21 de xullo o espectáculo “Hai ollos que miran, hai ollos que soñan”, unha proposta de teatro de rúa que invita a descubrir a memoria, as emocións e as historias agochadas tras a obra do fotógrafo galego Xosé Suárez.  

 A cita terá lugar ás 22:30 horas, con saída desde a igrexa de San Bieito, na vila alaricana, nun roteiro teatral no que a fotografía se transforma en palabra, escena e sentimento. A través deste percorrido, o público poderá achegarse á mirada dun creador que soubo retratar a Galicia do seu tempo, conservando rostros, paisaxes e momentos que permanecen vivos na memoria colectiva.

 “Hai ollos que miran, hai ollos que soñan” é unha homenaxe á súa obra e á capacidade das súas imaxes para seguir contando historias moito tempo despois de seren tomadas. Unha viaxe entre lembranzas, soños e fotografías que nunca deixaron de falar.  

 O Concello de Allariz convida a veciñanza e visitantes a participar nesta experiencia artística ao aire libre e a camiñar entre as historias que gardan as miradas dun pobo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario