20 de xul. de 2026

CULTURA

A Deputación abre no Pazo provincial a exposición ‘Rosalía Ilustrada’ con 35 obras orixinais que interpretan graficamente a obra da escritora galega 

 Ata o 31 de agosto será posible gozar desta mostra que ofrece un diálogo entre literatura e arte visual da man de artistas como Miguelanxo Prado, Luís Davila, Xaquín Marín, Bea Lema, Elga Lamas, Iria Ribadomar, Andrés Meixide ou, entre outros, Kiko da Silva 


A deputada María Ramallo e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, na inauguración da mostra ‘Rosalía Ilustrada’
Foto: Rafa Estévez

Infogauda/Pontevedra

 A Deputación abre no Pazo provincial a mostra ‘Rosalía Ilustrada’, unha proposta cultural que ofrece un diálogo entre literatura e arte visual a partir da obra de Rosalía de Castro e que acaba de ser inaugurada pola deputada María Ramallo. Trátase dunha exposición que “pon de manifesto a vixencia da figura de Rosalía de Castro, a enorme influencia que exerceu e que mesmo transcendeu a literatura para converterse nun símbolo cultural de Galicia, inspirando tamén disciplinas como a música e as artes visuais”.

 A exposición, de carácter itinerante e que estivo xa na sede da Deputación en Vigo, reúne 35 ilustracións orixinais e con técnica manual realizadas por 34 artistas galegos e galegas que interpretan textos da autora desde linguaxes plásticas contemporáneas. Na exposición veranse pezas de Miguelanxo Prado, Luís Davila, Xaquín Marín, Bea Lema, Andrea de Toba, Elga Lamas, Carlos Arrojo, Iria Ribadomar, Manel Cráneo, Bea Gregores, Álvaro de la Vega, Leandro Lamas, Xosé Cobas, Fran Jaraba, Nacho Hortas, Suso Cubeiro, María Fe Quesada, Manuel Uhía, Pepe Carreiro, Xan López, Fausto, Norberto Fernández, Fran Bueno, Jacobo Fernández, Andrés Meixide, Kiko da Silva, Pablo Otero, Primitivo Marcos, Miguel Robledo, Fernando Iglesais, Federico Fernández Alonso, Óscar Villán, Fino Lorenzo e Raquel González.

 “Aquí veremos unha representación do grandísimo talento que temos na nosa comunidade”, asegurou María Ramallo quen aproveitou para poñer en valor o traballo que desenvolve a Deputación de Pontevedra para enxalzar a figura de Rosalía de Castro. “Temos en marcha un programa de visitas escolares á Casa-Museo de Rosalía, tamén o concurso escolar Canta Rosalía!, e celebramos o Día de Rosalía cada 23 de febreiro”, destacou a deputada.  

 ‘Rosalía Ilustrada’ poderá visitarse no vestíbulo do Pazo provincial desde este luns ata o 31 de agosto, en horario de 9:00 a 20:00 horas de luns a venres.

Ningún comentario:

Publicar un comentario