O CONCELLO DA GUARDA LEMBRA A IMPORTANCIA DE DEPOSITAR CORRECTAMENTE O CARTÓN NOS CONTEDORES PARA GARANTIR A SÚA RECOLLIDA
• Nas últimas semanas producíronse incidencias ao bloquearse o baleirado dalgúns colectores polo depósito de caixas de cartón sen romper
• Dende o ente municipal tamén se fai un chamamento á colaboración cidadá para evitar deixar residuos fóra dos contedores
O Concello da Guarda indica que nas últimas semanas rexistráronse varias incidencias durante a recollida dos colectores de papel e cartón debido ao depósito de caixas de cartón sen romper
Foto: CAG
Infogauda/A Guarda
O Concello da Guarda fai un novo chamamento á colaboración da veciñanza guardesa para realizar unha correcta separación e depósito dos residuos, un pequeno xesto que resulta fundamental para garantir un servizo de recollida eficiente e manter limpos os espazos públicos.
Nas últimas semanas rexistráronse varias incidencias durante a recollida dos colectores de papel e cartón debido ao depósito de caixas de cartón sen romper. Esta situación provocou que o cartón quedase encaixado no interior dos contedores, impedindo o seu correcto baleirado polos camións de recollida.
Por este motivo, lémbrase á cidadanía que todo o cartón debe depositarse en anacos, reducindo o seu volume antes de introducilo no colector azul. Deste xeito, optimízase o espazo dispoñible e evítanse incidencias que dificultan ou mesmo impiden a recollida.
Así mesmo, o Concello da Guarda insiste na importancia de non abandonar residuos fóra dos contedores. Sempre deben depositarse no interior do colector correspondente, contribuíndo así a manter as rúas limpas e evitando a dispersión do lixo polo vento ou polos animais.
A correcta separación dos residuos e o cumprimento destas normas permiten ofrecer un servizo máis eficaz, favorecen a reciclaxe e contribúen ao coidado do medio ambiente. A implicación de todos e todas é fundamental para manter un concello máis limpo, sostible e agradable para vivir.
.jpeg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario