A POLICÍA LOCAL DA GUARDA INFORMA DE CORTES PUNTUAIS DE TRÁFICO CON MOTIVO DA PROCESIÓN DA VIRXE DO CARME
• As restricións de circulación estableceranse durante o paso da comitiva polas rúas do percorrido, a partir das 11:30 horas da mañá do xoves 16 de xullo
Infogauda/A Guarda
A Policía Local da Guarda informa que con motivo da celebración da procesión da Virxe do Carme, o vindeiro xoves 16 de xullo, realizaranse cortes puntuais de tráfico nas rúas afectadas polo percorrido da comitiva relixiosa.
A procesión dará comezo ás 11:30 horas, saíndo da igrexa parroquial e discorrendo polo seguinte itinerario: praza da igrexa, Méndez Núñez, Oliva, rúa do Medio, Muro, Chan de Conde, paseo marítimo e vial do porto, rematando na carpa instalada no Portiño Novo, onde terá lugar a misa solemne.
Unha vez finalizada a celebración relixiosa, aproximadamente ás 13:00 horas, iniciarase a procesión de regreso ao templo parroquial, que percorrerá o seguinte itinerario: vial do porto, paseo marítimo, Chan de Conde, Concepción Arenal, Brasilino Álvarez, Joaquín Alonso (praza nova), Antonio Alonso e rúa Vicenta Rodríguez Cachada, ata a igrexa parroquial.
Durante o desenvolvemento de ambos percorridos estableceranse restricións temporais ao tráfico e poderán producirse retencións puntuais nas rúas incluídas nos percorridos e nas súas inmediacións. A circulación irase restablecendo de forma progresiva unha vez avance a comitiva.
O Concello da Guarda agradece a colaboración da veciñanza e das persoas visitantes para garantir o correcto desenvolvemento desta celebración, unha das citas máis importantes do calendario festivo da Guarda.

Ningún comentario:
Publicar un comentario