O libro “Patrimonio lúdico galego: investigación, recursos e divulgación dos xogos tradicionais” será presentado en Tui
• Este venres, 5 de xuño, ás 20:00 horas no Espazo Sociocultural. A obra é considerada un fito no estudo dos nosos xogos
Infogauda/Tui
Este venres, 5 de xuño, ás 20.00 h, no Espazo Cultural, da rúa Camilo José Cela de Tui, terá lugar a presentación da obra colectiva “Patrimonio lúdico galego: investigación, recursos e divulgación dos xogos tradicionais”. Trátase dunha obra considerada fundamental no estudo dos xogos tradicionais galegos, pois reúne colaboracións de ata 42 autorías desde moi diferentes perspectivas, desde estudos teóricos ata a descrición de proxectos xa desenvolvidos ou a proposta de novas iniciativas para investigar e poñer en valor os nosos xogos.
O acto está apoiado polo Concello de Tui, sendo organizado polo Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, entidade promotora da obra e da que forman parte asociacións, clubs, museos, empresas e investigadores/as a título particular. O libro está editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago e pola Secretaría Xeral da Lingua dependente da Xunta de Galicia.
Pepe López, investigador do xoguete tradicional, presentará o acto no que participarán Silvia López Gómez, coordinadora da obra da Universidade de Santiago; Hugo Lage, da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais PIUEIRO e da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar); Francisca Alonso Brito, do CEP Carlos Casares, de Alxén (Salvaterra de Miño); Paco Veiga, do Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego; e Manolo García do Museo O Recuncho das Argalladas, de Lourenzá. O acto contará amais coa participación musical de Iván González, Alfonso Tarque e Víctor González, do Centro Cultural San Fins de Rebordáns e do Grupo Donicelas.
A historia da investigación do patrimonio lúdico galego, un dos máis ricos da nosa contorna, tivo un impulso importante coa Xeración Nós, pois o Terra de Melide promovido polo Seminario de Estudos Galegos continuou o camiño iniciado polo Padre Sarmiento ou Marcial Valladares. Pero houbo que esperar ata o final da ditadura para que a recompilación dos nosos xogos se fixese dun xeito metódico. Desde finais do século XX, o patrimonio lúdico galego pasou a ser estudado desde moi diferentes ángulos, e as universidades galegas comezaron tamén a promover traballos que os analizan.
Pero houbo sempre, á marxe deste proceso de investigación, clubs, museos, empresas, asociacións e entidades de todo tipo que divulgaron os nosos xogos. Por iso, precisamente, a obra que se presenta é considerada un punto de inflexión neste proceso, por ser quen de reunir, por primeira vez, traballos de moi distintas procedencias.

Ningún comentario:
Publicar un comentario