4 de xuño de 2026

OIA

Villaverde visita as instalacións de Insuiña-Mougás, do grupo Nueva Pescanova, e destaca o liderado da acuicultura galega 

•   Subliña o impulso da Xunta á modernización do sector, a través das axudas habilitadas a finais do 2025, dotadas con preto de 60 M€


A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou hoxe as instalacións de Insuiña-Mougás
Foto: XG

Infogauda/Oia

 A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou hoxe as instalacións de Insuiña-Mougás, a planta especializada na produción acuícola de rodaballo que o Grupo Nueva Pescanova ten no municipio pontevedrés de Oia, e onde puxo en valor o liderado de Galicia no eido da acuicultura.  

 Neste sentido, Villaverde salientou que este sector está integrado por máis de 2.600 empresas, que xeran arredor de 5.600 postos de traballo e acadan unha facturación anual de 247 millóns de euros, consolidándose como un dos principais motores da economía do litoral galego.  

 Durante a visita, a titular de Mar coñeceu as instalacións desta planta que conta cunha superficie de cultivo de 9.000 metros cadrados e unha capacidade de produción de ata 6 millóns de exemplares ao ano que, posteriormente, son trasladados ás instalacións de Insuiña-Xove (Lugo) para completar o seu ciclo de engorde.  

 A conselleira destacou o apoio decidido da Xunta a esta actividade, a través da convocatoria de axudas lanzada a finais do 2025, dotada con preto de 60 millóns de euros e orientada a impulsar o crecemento e a modernización desta actividade estratéxica. Precisamente, un dos proxectos máis relevantes neste ámbito é o que Nueva Pescanova desenvolve na planta de Xove, en Lugo, e que exemplifica a aposta do Goberno galego pola tecnoloxía e a sustentabilidade no sector.  

 Un proxecto e un esforzo inversor que, concluíu Villaverde, “visibiliza o noso compromiso co impulso da cadea mar-industria e dunha actividade que é clave na xeración de emprego, no desenvolvemento do litoral, así como na proxección internacional dos produtos do noso mar”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario