2 de xuño de 2026

TUI

AMEI TUI atende a máis de 20 mulleres inmigrantes a través do programa INTEGRALAB 

•  O proxecto ofreceu atención psicolóxica, asesoramento xurídico, formación e orientación laboral para favorecer a inclusión social e laboral das participantes  



Infogauda/Tui

 A Asociación de Mulleres en Igualdade de Tui (AMEI TUI) está a piques de finalizar o desenvolvemento de INTEGRALAB, un programa de atención integral dirixido a mulleres inmigrantes en situación de especial vulnerabilidade residentes en Tui e concellos limítrofes, no marco das subvencións da Xunta de Galicia para programas destinados a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.  

 Ao longo da execución do proxecto, máis de 20 mulleres participaron nos diferentes servizos e itinerarios personalizados de integración, recibindo apoio especializado adaptado ás súas necesidades persoais, sociais e laborais.  

 O programa desenvolveuse mediante unha metodoloxía de atención integral e individualizada, combinando diferentes áreas de intervención co obxectivo de mellorar a autonomía persoal e económica das participantes e favorecer a súa inclusión activa na sociedade.  

 Entre os servizos prestados destacan a orientación e acompañamento social, a atención psicolóxica especializada, o asesoramento xurídico, a mediación intercultural, a formación en competencias persoais, sociais e dixitais e os servizos de orientación laboral e apoio na procura de emprego.  

 A través destes recursos, as participantes puideron recibir información e acompañamento en trámites administrativos, mellorar as súas competencias profesionais, fortalecer a súa autoestima e benestar emocional, coñecer os seus dereitos e acceder a ferramentas que facilitan a súa incorporación ao mercado laboral.  

 Desde AMEI TUI destacan que as mulleres inmigrantes continúan atopando importantes obstáculos derivados da precariedade laboral, das dificultades administrativas, da ausencia de redes de apoio e das barreiras culturais e lingüísticas, polo que resulta fundamental continuar impulsando programas especializados que respondan ás súas necesidades desde unha perspectiva integral e de xénero.  

 A entidade valora moi positivamente os resultados acadados e o elevado nivel de participación rexistrado, confirmando a necesidade de manter recursos de apoio que contribúan á igualdade de oportunidades e á inclusión social e laboral das mulleres do territorio.  

 INTEGRALAB está financiado pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade e da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, e cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027.

Ningún comentario:

Publicar un comentario