2 de xuño de 2026

PONTEVEDRA

FEMUPO leva a prevención da violencia de xénero ao Incode Fest cun Punto Violeta, cubrevasos preventivos e a presentación dos novos FemuSafe 


Durante a celebración do festival, FEMUPO desenvolveu diferentes accións de sensibilización e prevención dirixidas ás persoas asistentes, ofrecendo información sobre os recursos existentes para a atención ás vítimas de violencia de xénero e promovendo medidas de autoprotección e corresponsabilidade comunitaria

Foto: FEMUPO

Raquel Touriño/Pontevedra

 A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) participou esta fin de semana no Incode Fest cun Punto Violeta enmarcado dentro da campaña #FEMUPOENACCIÓN, unha iniciativa destinada á prevención da violencia de xénero e das violencias sexuais en espazos de ocio e lecer. 

 Durante a celebración do festival, FEMUPO desenvolveu diferentes accións de sensibilización e prevención dirixidas ás persoas asistentes, ofrecendo información sobre os recursos existentes para a atención ás vítimas de violencia de xénero e promovendo medidas de autoprotección e corresponsabilidade comunitaria. 

 Entre as accións realizadas destacou o reparto gratuíto dos cubrevasos de protección MSC, unha ferramenta preventiva que contribúe a reducir o risco de manipulación das bebidas e que se converteu nun dos elementos máis demandados polas persoas asistentes. Esta iniciativa forma parte da campaña de prevención da sumisión química que FEMUPO desenvolve en diferentes eventos, centros educativos e actividades xuvenís da provincia. 

 Ademais, o Incode Fest serviu como escenario para a presentación dos novos FemuSafe, uns silbatos disuasorios deseñados para facilitar a solicitude de axuda en situacións de risco e reforzar a seguridade persoal. Este novo recurso preventivo foi posible grazas á colaboración de Nipro Designs, que cedeu o deseño de maneira altruísta para apoiar esta iniciativa de sensibilización e prevención. 

 Desde FEMUPO destacan a importancia de achegar as accións de prevención aos espazos onde se concentra a mocidade, apostando por unha intervención próxima, accesible e adaptada ás novas realidades sociais. A entidade considera fundamental promover contornas de ocio seguras e libres de violencias machistas, nas que a información, a sensibilización e a prevención se convertan en ferramentas fundamentais para a protección das mulleres.

 A participación no Incode Fest enmárcase no desenvolvemento do proxecto Mulleres en Construción 5.0, a través do cal FEMUPO impulsa actuacións de concienciación, sensibilización e prevención da violencia de xénero en toda a provincia de Pontevedra. 

 Estas accións están financiadas pola Consellería de Política Social e Igualdade con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero (Ministerio de Igualdade), ao abeiro do Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e Igualdade e a Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) para o desenvolvemento de actuacións de concienciación e sensibilización sobre a violencia de xénero incluídas no proxecto Mulleres en Construción 5.0.

Ningún comentario:

Publicar un comentario