PRESENTADA OFICIALMENTE A CELEBRACIÓN DO CORPUS CHRISTI
Infogauda/A Guarda
Este mércores, 3 de xuño, no salón de plenos da Casa Consistorial foi presentada oficialmente a celebración do Corpus Christi. No acto participaron o alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero; o concelleiro de Cultura e Deportes, Celso Rodríguez Fariñas; Iria Lorenzo Piñeiro, gañadora do concurso de carteis do Corpus Christi; o párroco da Guarda, Don Juan Luis Martínez Diz; así como representantes da Asociación Cultural Alfombras da Guarda e da Asociación Follas Novas, encargadas de converter cada ano as rúas do percorrido procesional nunha auténtica obra de arte e de devoción ao Santísimo Sacramento.
Este ano, o cartel anunciador foi creado por Iria Lorenzo Piñeiro, gañadora do concurso realizado en colaboración cos centros educativos. O Concello da Guarda quixo recoñecer o seu traballo e fixéronlle entrega dun pequeno agasallo.
Como anos atrás, durante a noite deste sábado e a mañá do domingo, asociacións, veciñanza e familias traballarán con arbustos, flores, sal tinguida, café e outros elementos naturais para crear unha mostra de arte efémera.
O domingo celebrarase a misa ás 17:30 horas e, a continuación, a tradicional procesión sobre as alfombras florais.

Ningún comentario:
Publicar un comentario