BALONMÁN
Mecalia deixa de patrocinar ao Guardés despois de 18 anos
• O pasado 31 de maio fíxose efectiva a saída da empresa guardesa coma patrocinadora principal do Club Balonmán Atlético Guardés, tal e coma o seu presidente, José Manuel Silva, viña anunciando dende había semanas
• Remata así unha relación de 18 anos entre ambas entidades, mentres o Guardés busca novos apoios privados e institucionais de cara á vindeira tempada
Redacción Deportes/A Guarda
O Club Balonmán Atlético Guardés perde ao seu principal patrocinador con efecto inmediato. Dende o pasado domingo 31 de maio, a empresa guardesa Mecalia fixo efectiva a súa saída coma principal colaborador privado da entidade deportiva e, a partir de agora, o seu nome deixará de estar presente na denominación dos seus equipos, na súa roupa deportiva e nos seus demais soportes e documentos públicos e oficiais. Remata así unha relación de 18 anos entre ambas entidades, levando ao equipo baixomiñoto á procura de novos apoios económicos de cara á vindeira tempada.
O desembarco de Mecalia no Club remóntase ao ano 2009, cando o seu presidente, José Manuel Silva, comezou a apoiar activamente a un equipo que aínda militaba na División de Honra Prata. Dende entón e de xeito máis intenso a partir do ascenso á elite en 2012, a empresa guardesa estivo presente e xogou un papel fundamental nos éxitos deportivos máis destacados do Guardés ao actuar coma o principal sustento económico que facía todo posible, ata chegar ao título da EHF European Cup conquistado esta mesma tempada. O mesmo Silva, artífice en primeira persoa desta frutífera relación, chegou a ser presidente do Club e formar parte da súa Xunta Directiva, coa que tamén cesa relacións con este anuncio.
Así, e como xa ocorrera no 2020 cando Mecalia deixou de ser o patrocinador principal do Guardés (aínda que sen cesar a súa aportación económica, nun segundo plano), o equipo deberá volver cambiar a súa nomenclatura e eliminar calquera mención á empresa da súa roupa deportiva, os seus soportes e demais documentos oficiais e imaxes nas que estivera presente ata agora. A cara máis visible dun cambio polo cal a entidade baixomiñota, nunha situación financeira xa delicada e que continúa a agravarse, trata xa de reunir novos apoios privados e institucionais que sufraguen a vindeira tempada 2026/2027, na que continuará a competir na División de Honra Feminina e repetirá a súa participación na EHF European Cup.
Mecalia foi parte indisoluble dos logros máis importantes dos 59 anos de historia do Club Balonmán Atlético Guardés, pasando polo devandito ascenso á primeira categoría e as clasificacións para as diferentes competicións europeas, ata chegar aos dous subcampionatos da Copa da Raíña e os títulos de Liga 2016/2017 e da recente European Cup 2025/2026; ademais de tódolos éxitos colleitados pola súa base durante estes anos. Polo seu compromiso, a súa confianza e apoio incansables e o seu empeño á hora de levar o equipo baixomiñoto e ao conxunto do balonmán guardés ao máis alto, o Club agradece de corazón a Mecalia e a José Manuel Silva por estes 18 anos de relación e de éxitos deportivos que tamén levan, indubidablemente, os seus nomes.

Ningún comentario:
Publicar un comentario