2 de xuño de 2026

A GUARDA

O CONCELLO DA GUARDA ABRE O PRAZO PARA PRESENTAR AS DECLARACIÓNS RESPONSABLES DAS FOGUEIRAS DE SAN XOÁN E SAN PEDRO  

As persoas interesadas poden facer os trámites a través da sede electrónica ou de xeito presencial na Casa Consistorial 

O prazo de presentación finalizará o 22 de xuño para as celebracións de San Xoán e o 26 de xuño para as de San Pedro, en ambos casos ás 14:00 horas  


Fonte: CAG

Infogauda/A Guarda

 O Concello da Guarda abre o prazo para a presentación das declaracións responsables necesarias para a realización das tradicionais fogueiras de San Xoán e San Pedro deste ano 2026.  

 Para poder levar a cabo estas celebracións, as persoas interesadas, tanto particulares como asociacións, deberán presentar obrigatoriamente a correspondente declaración responsable. O procedemento poderá realizarse por dúas vías: de forma telemática, a través da sede electrónica municipal, mediante a presentación dunha instancia xeral cos datos da localización da fogueira e da persoa responsable; ou de forma presencial no Rexistro Xeral, situado no primeiro andar da Casa Consistorial, en horario de atención ao público. Para a tramitación presencial, a veciñanza ten á súa disposición un modelo específico para cubrir.  

 A presentación da declaración responsable implica o compromiso de cumprir as seguintes medidas de seguridade e protección ambiental:  

O lugar elixido non poderá supoñer perigo para as persoas nin para os bens públicos ou privados. 

O combustible limitarase exclusivamente a madeira ou restos vexetais sen ningún tipo de tratamento químico. 

Deberase respectar unha distancia mínima de 10 metros respecto de edificacións, vehículos, tendidos eléctricos e outros materiais combustibles. 

As dimensións máximas permitidas para a fogueira serán de 3 metros de ancho, 4 metros de longo e 4 metros de alto. 

Deberá manterse libre de obxectos un radio mínimo de 5 metros arredor do lume. 

A organización deberá dispoñer de medios axeitados para sufocar o lume e extremar as precaucións en caso de vento. 

Non se poderá abandonar o lugar ata que a fogueira estea completamente extinguida. 

A zona deberá quedar perfectamente limpa e recollida nun prazo máximo de 24 horas tras a celebración. 

A responsabilidade por calquera dano ocasionado a persoas ou bens será exclusiva da persoa asinante da declaración responsable. 

En caso de producirse calquera tipo de emerxencia, deberase chamar inmediatamente ao teléfono 112.  

 As datas límite para presentar as declaracións responsables, tanto no Rexistro Xeral como a través da sede electrónica, son as seguintes:  

Fogueiras de San Xoán: ata o luns 22 de xuño ás 14:00 horas. 

Fogueiras de San Pedro: ata o venres 26 de xuño ás 14:00 horas.  

 Dende o Concello da Guarda faise un chamamento á responsabilidade e á colaboración da cidadanía para desfrutar destas celebracións tradicionais con seguridade, respecto polo medio ambiente e cumprimento da normativa vixente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario