O Concello activa unha liña de axudas para modernizar a depuración nas vivendas de Tomiño
• Financiarán ata o 80% das obras de mellora ou substitución de sistemas autónomos individuais ou da elaboración da documentación técnica para a realización das obras
• Solicitude aberta ata o vindeiro 28 de abril
Infogauda / Tomiño
O Concello de Tomiño xa ten en marcha unha liña de subvencións destinada a mellorar os sistemas de depuración autónoma das vivendas do municipio, unha medida que reforza o compromiso do Goberno municipal coa protección ambiental e o benestar veciñal.
O Concello investirá ata 55.500 euros nestas subvencións que contan con dúas liñas de actuación principais: por unha banda, axudas para a mellora, substitución ou instalación de novos sistemas de depuración autónoma individual, e, por outra, subvencións para a elaboración da documentación técnica necesaria e a solicitude de autorizacións correspondentes para executar estas actuacións.
Como destaca a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, esta iniciativa “permite seguir avanzando nun modelo de concello máis sostible, apoiando ás familias que precisan adaptar ou renovar os seus sistemas para garantir un funcionamento axeitado e respectuoso coa contorna”. A rexedora incidiu tamén en que “é fundamental acompañar á veciñanza, especialmente nas parroquias onde non existe conexión á rede de saneamento, para asegurar condicións óptimas tanto a nivel ambiental como de calidade de vida”.
As axudas cubrirán ata o 80% dos gastos subvencionables, cun máximo de 2.500 euros no caso das actuacións sobre os sistemas de depuración e de 600 euros para os custos de redacción da documentación técnica. Poderán beneficiarse delas as persoas propietarias de vivendas unifamiliares que non teñan obriga de conexión á rede municipal, conforme á normativa vixente.
Neste sentido, a alcaldesa subliñou que “o obxectivo é facilitar ao máximo o acceso a estas axudas, ofrecendo un proceso claro e apoio técnico para que ningunha persoa quede atrás á hora de acometer estas melloras necesarias”.
O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 28 de abril, podendo realizarse tanto a través da sede electrónica como no Rexistro Xeral do Concello. As persoas interesadas poden consultar toda a información na Sede Electrónica do Concello ou chamando ao teléfono 986 622 001 extensión 2

Ningún comentario:
Publicar un comentario