BALONMÁN FEMININO
Rosane Serrano repite coas Guerreras Júnior ante Noruega
• A primeira liña do Guardés volverá reunirse co conxunto nacional na semana internacional do 6 ao 12 de abril en Tarazona (Zaragoza)
• As Guerreras Júnior seguirán preparando o Campionato do Mundo deste verán e disputarán dous amigables contra Noruega os días 9 e 11 de abril
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés seguirá activo na vindeira semana internacional. De novo, da man da moza Rosane Serrano, o equipo miñoto volverá ter representación na Selección Española Júnior, á cal a primeira liña unirase entre o 6 e 12 de abril en Tarazona para unha concentración dedicada á preparación do vindeiro Mundial, e que inclúe ademais dous encontros amigables contra Noruega.
A central vasca xa é unha habitual das Guerreras Júnior, e esta nova chamada de Verónica Cuadrado chega apenas un mes despois da última. Tras unha semana de reunión co conxunto nacional en Elxe o pasado mes de febreiro, nesta ocasión a nova Selección partirá o vindeiro 6 de abril a Tarazona, Zaragoza, co obxectivo de seguir avanzando na preparación do Campionato do Mundo deste verán.
Como parte desta nova concentración, ademais, Serrano volverá defender a camisola nacional en dous amigables contra a Selección de Noruega, que terán lugar o 9 e 11 de abril ás 20.00 e 18.30 horas, respectivamente, no Polideportivo Municipal do concello aragonés. Dous partidos de alto nivel que contribuirán á configuración do equipo de cara á hora da verdade unha vez rematen as tempadas regulares.
Rosane Serrano: “Estes partidos servirannos para seguir entendéndonos mellor entre nós”
A xogadora do Guardés declarou que volve estar “moi contenta de seguir a ser parte das Guerreras Júnior”, pois unha chamada da Selección “sempre é un orgullo e un motivo polo que seguir traballando día a día”. As convocatorias nacionais impulsan a novas atletas coma ela a seguir medrando persoalmente, se ben a central quixo destacar que estas concentracións preparatorias tamén permiten que o equipo siga traballando no seu conxunto. Os dous partidos contra a selección nórdica, explica, “servirannos para seguir entendéndonos mellor entre nós e adaptarnos cada vez máis ao modelo de xogo”, dúas chaves para chegar ao Mundial estival con todo a punto.
Lista completa de xogadoras convocadas:
- Porteiras: Goundo Gassama (KH-7 Granollers), Udane Bernabé e Teresa Antón (AtticGo Elche)
- Central: Rosane Serrano (Mecalia Atlético Guardés)
- Laterais dereitos: Martina Català, Lucía Julve (Balonmano Morvedre) e Eva María Pérez (Atticgo Elche)
- Laterais esquerdos: Nerea Patiño (Caja Rural Aula Valladolid), Laura Rodríguez (Balonmano Colores), Anna Ros e Carmen Fidalgo (Balonmano Montequinto)
- Estremos dereitos: Sara Palanqués (Balonmano Morvedre) e Lucía Trinidad Bomaba (AtticGo Elche)
- Estremos esquerdos: Paula Lluch (Elda Prestigio)
- Pivotes: Alicia Huertas (iKasa Boadilla), Kadiditou Jallow (Caja Rural Aula Valladolid), Kelly Nnonzie Fonkeng e Libe Arruabarrena (Replasa Beti-Onak)
.jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario