27 de mar. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés quere selar a súa praza na semifinal europea en Elxe 

O equipo baixomiñoto visita ao Atticgo BM Elche este sábado (19.00 horas) para disputar o encontro de volta de cuartos de final da EHF European Cup 

As de Ana Seabra chegan cun gol de vantaxe do partido de ida na Sangriña debido a unha grande recuperación do seu rival na segunda parte (21-20) 

Elena Martínez non viaxou, á espera de máis probas para concretar a súa lesión muscular nun xemelgo. As demais xogadoras estarán dispoñibles, igual ca o pasado sábado, polo que a convocatoria é de 14 efectivos 




Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés vai en busca dunha praza nas semifinais da EHF European Cup. As de Ana Seabra chegan este sábado ao encontro de volta de cuartos de final na casa do Atticgo BM Elche (19.00 horas) cunha renda mínima do primeiro envite hai unha semana na Sangriña (21-20), que puido ter quedado atado de non ser pola grande recuperación das ilicitanas nos minutos finais. Pese a iso, o equipo buscará empregarse a fondo e evocas as boas sensacións do sábado pasado, da man dunha convocatoria moito máis nutrida ca nas semanas previas e na que só se ausenta Elena Martínez. 

 O Guardés chega con ganas de completar a fazaña. Quedaron preto as de Ana Seabra o pasado sábado, cando despois dunha larga fochanca marcada polas lesións e o desgaste físico e mental lograron dominar a maior parte do primeiro capítulo desta eliminatoria europea ante o Elche. As baixomiñotas ofreceron grandes actuacións tanto en defensa coma en ataque, que deixaron un prometedor 10-6 ao descanso; se ben o ámbito ofensivo decaeu debido ás decisións precipitadas na segunda parte e deu ás a un conxunto ilicitano capaz de pelexar por levar o encontro (21-20). O resultado axustado deixou tódalas opcións abertas de cara a este sábado e demostrou que aínda quedan detalles importantes por pulir nun xogo guardés en vías de recuperarse do seu peor momento; pero non empana as boas sensacións que o equipo viviu sobre a pista despois de semanas en horas baixas. 

 A competición internacional parece ter potencial para ser o borrón e conta nova que o Mecalia precisaba, e aínda que o cambio de contexto puido ser un dos factores, a recuperación máis decisiva atópase no seo do seu plantel. As de Ana Seabra arrastraban importantes ausencias, chegando a sufrir nun mesmo partido as lesións de xeonllo de Ariana Portillo e Nerea Gil, as molestias musculares de Lorena Téllez e Elena Martínez e a necesidade de descanso tras una rotura de labio de Cecilia Cacheda. Minguado en efectivos especialmente na súa primeira liña, a escuadra baixomiñota viña dunha grave crise goleadora, ata que a reincorporación da maioría de baixas o pasado sábado permitiulle brillar de novo de cara á portería. A única lesión que se mantén de cara a mañá é a de Elena Martínez, que non viaxou a Elxe á espera de máis probas que concreten a afectación das molestias que acusa nun xemelgo. As 14 xogadoras que compoñen a convocatoria desprazáronse a Alacante onte xoves pola noite, e poderán tomar contacto co Esperanza Lag xa no adestramento desta mesma tarde. 

 O Elche, polo demais, chega orgulloso de que a súa capacidade de reacción do pasado sábado deixara a eliminatoria nun 50/50. A aportación da incansable Nicole Morales baixo paus chegou cando máis a precisaron as de Rocamora, xunto co potencial goleador dunha Carmen Figueirido que botou ás costas a misión remontada na segunda metade do encontro. Como resultado, o rival da Sangriña pasou dun 14-7 no minuto 34 ao 21-20 final despois de varios compases pelexando pola dianteira no marcador. Unha habilidade para mudar o ton da que o Guardés deberá coidarse moito este sábado se quere impoñerse no Esperanza Lag, onde o encontro de seguro definirase por detalles.  

Ana Seabra: “Temos moitas ganas de demostrar que somos unha equipa loitadora” 

 A adestradora do Guardés, Ana Seabra, destaca do que será o terceiro partido das súas contra o Elche en menos de dúas semanas que “a vantaxe que temos do primeiro encontro non é significativa”, polo que “entendemos que a deste sábado é unha verdadeira final”. Aínda que a técnica valorou moi positivamente a cara que puido amosar o seu equipo o pasado sábado, insiste nos obxectivos para este próximo partido: “Ser un pouco máis consistentes e ter un pouco máis de madureza á hora de controlar os momentos de xogo”. 

 Polo demais, Seabra recalca de novo que os dous conxuntos son vellos rivais, e que o seu plantel coñece ben “a calidade” do Elche e a súa capacidade para poñer as cousas difíciles, indicando que para ela esta eliminatoria europea compóñena dous partidos “moi estratéxicos”. As circunstancias fan que a adestradora declare que “temos moitas ganas de demostrar que somos unha equipa loitadora, coma sempre, e de estar concentradas nos detalles”, e, en última instancia, “de gozar deste partido, que é un dos que ás xogadoras e a todos nós máis nos gusta xogar”. A misión, por suposto, esa praza en semifinais, un fito máis na historia guardesa e o que guía a “evidente ilusión de seguir adiante” que conclúe destacando a preparadora.  

AXENDA 

EHF European Cup | Cuartos de final – VOLTA  

Atticgo BM Elche – Mecalia Atlético Guardés 

Sábado, 28 de marzo | 19.00 horas | Pavillón Esperanza Lag (Elxe) 

Retransmitido en directo pola Televisión de Galicia: 

https://www.agalega.gal/ 

Ningún comentario:

Publicar un comentario