CONCENTRACIÓN NA GUARDA
• Terá lugar no día 7 de abril ás 20:00 horas na praza Avelino Vicente, da Guarda
Baixo Miño con Palestina
Máis unha vez, de Baixo Miño con Palestina chamamos a cidadanía da nosa comarca a concentración, que terá lugar na praza Avelino Vicente da Guarda, no día 7 de abril ás 20:00.
Múltiples localidades do noso país verán mobilizacións no mesmo día, convocadas pola plataforma Galiza pola Paz, contra a guerra imperialista e pola paz entre os pobos. O mundo atravesa unha situación de extrema gravidade, no que a hipótese dun ataque nuclear contra o Irán paira no ambiente, mentres os Estados Unidos e “Israel” axen de forma impune e sen ningún tipo de cortapisa.
A entidade sionista toma nota de que lle é permitido cometer xenocidio contra o pobo palestino e alarga o mesmo xenocidio ao pobo libanés. Nunha profundización do seu carácter de etnoestado racista, a Kneset israelense dá luz verde á lexislación que autoriza a pena de morte especificamente dirixida a presos palestinos. Nin a Sudáfrica do Apartheid chegou nunca a lexislar a pena de morte especificamente contra un grupo étnico concreto no seu ordenamento xurídico.
Non esquecemos os ataques dos Estados Unidos e “Israel” á infraestrutura civil, educativa, sanitaria, farmacéutica ou enerxética do estado iraniano, destruindo barrios residenciais enteiros das cidades do Irán. Ao Irán esíxeselle a capitulación e a renuncia a calquera política soberana, tanto en política enerxética como en política internacional. Explicitamente esíxenlle deixar de apoiar a resistencia palestiniana e libanesa Pero encóntranse cunha resposta que non esperaban e ante iso, os imperialistas son capaces de levarnos as clases populares do mundo á ruina económica e o mundo á destrución militar, climática e biolóxica.
Por iso non podemos calar e debemos organizar cada vez máis capas de poboación contra a guerra imperialista, contra os nosos imperialistas e pola paz entre os pobos.
Abaixo o sionismo e o imperialismo!
Viva Palestina libre!
Ningún comentario:
Publicar un comentario