4 de mar. de 2026

TOMIÑO

Tomiño esixe solucións urxentes para garantir a seguridade no Centro de Día  

•  O Concello aprobou en pleno instar á Xunta e ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar a acometer de inmediato as reparacións pendentes nas instalacións

 

Un momento do pleno celebrado este luns no Concello de Tomiño
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 A seguridade das persoas usuarias do Centro de Día de Tomiño non admite demoras nin escusas. O Concello aprobou onte en pleno por unanimidade instar á Xunta de Galicia e ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a quen pertence o Centro de Día, a realizar con carácter urxente as reparacións necesarias nas instalacións, especialmente as relacionadas coas goteiras e cos riscos eléctricos derivados das mesmas.

 O acordo plenario inclúe tamén a solicitude dun informe técnico actualizado sobre o estado do edificio e a elaboración dun calendario concreto de actuacións, con prazos definidos, que garanta a súa reparación integral. Ademais, reclámase a creación dunha canle de coordinación directa entre a Xunta e o Concello para facer seguimento das intervencións e poder trasladar dende o ámbito municipal información ás familias preocupadas. O acordo será remitido á Consellería de Política Social e Igualdade e ao propio Consorcio. 

 Construído no ano 2010 cunha capacidade de 40 prazas, o Centro de Día consolidouse como un recurso esencial non só para Tomiño senón para outros concellos da contorna. Ao longo destes anos converteuse nun servizo público de referencia comarcal, promovendo a autonomía persoal, mellorando a calidade de vida das persoas usuarias e apoiando ás súas familias. O equipamento pertence á Xunta de Galicia, que é a administración responsable da súa conservación, mentres que a xestión diaria está encomendada a COGAMI, entidade que desenvolve unha labor fundamental na atención ás persoas maiores. 

 Nos últimos tempos, as instalacións presentan deficiencias estruturais e problemas de conservación, destacando a presenza de goteiras na entrada principal, no salón e na cociña e filtracións de auga polas paredes. A situación chegou ao punto de ter que desconectar puntos eléctricos para evitar riscos de curtocircuítos, unha circunstancia especialmente grave ao tratarse dun servizo destinado a persoas maiores. 

 Segundo explicou a alcaldesa, Sandra González, “estamos a falar dun recurso esencial para as nosas persoas maiores e as súas familias. Non podemos permitir que existan goteiras e riscos eléctricos nun centro público no que a seguridade debe ser a prioridade absoluta”. A rexedora lembrou que as incidencias foron trasladadas en reiteradas ocasións aos organismos competentes, mesmo en presenza de representantes políticos, e que varias familias chegaron a presentar reclamacións formais no Concello. 

 “Non se trata dunha cuestión política, senón dunha cuestión de responsabilidade institucional. O que pedimos é unha actuación inmediata, un calendario claro e coordinación para poder dar resposta ás familias. O benestar das persoas usuarias debe estar por riba de calquera outra consideración”, engadiu. 

 Dende o Concello reitérase o compromiso coa defensa dos servizos públicos e coa atención digna ás persoas maiores, insistindo en que a intervención é necesaria tanto desde o punto de vista da seguridade como do correcto funcionamento dun servizo social esencial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario