28 de feb. de 2026

TOMIÑO

Grupo Parlamentario Socialista de Galicia acusa ao PP de “castigar” aos veciños e veciñas de Tomiño negándose á construción da rotonda de San Salvador de Tebra  

 Carlos López Font critica a “falla total de preocupación do PP pola seguridade viaria dos veciños e veciñas do Concello”


Carlos López Font, portavoz do Grupo Parlamentario Socialista de Galicia, na Comisión 2ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos
Foto: Cedida

Infogauda / Tomiño   

 En relación a proposición non de lei "Sobre a demanda ao Goberno galego da execución con carácter prioritario dunha rotonda na estrada PO-344 á entrada de Santa María de Tebra, en Tomiño, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria" Publicación da iniciativa, BOPG n.º 214f1, do 25.06.2025 -; o portavoz do Grupo Parlamentario Socialista de Galicia, na Comisión 2ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, Carlos López Font, na sesión do día 20 de febreiro de 2026, acusou ao PP de “castigar” aos veciños e veciñas de Tomiño “polo simple feito de que non gobernan no concello”. Así o dixo logo de que o Partido Popular rexeitara a proposta que presentou na Comisión de Obras Públicas do Parlamento reclamando a construción urxente da rotonda de San Salvador de Tebra. 

 O responsable socialista explicou que a infraestrutura é fundamental para garantir a seguridade viaria en San Salvador de Tebra e Santa María de Tebra, e constitúe un “clamor” da cidadanía de Tomiño que ten presentado 600 sinaturas reclamando medidas urxentes. López Font alertou de que “cada día que pasa sen actuar é un día máis no que estamos a expoñer aos nosos veciños e veciñas a un posible accidente” nunha vía que concentra servizos, tráfico e tránsito de persoas da contorna. 

 Advertiu que as actuacións prometidas polo goberno galego na vía, compartidas entre 8 viais da provincia, resultan “claramente insuficientes e demostran a falta total de preocupación pola seguridade das veciñas e veciños” da localidade. Alertou de que “detrás de cada quilómetro de estrada hai persoas que merecen seguridade, oportunidades e respecto” e esixiu que rematen coa “discriminación” do concello. 

 Concluíu que “Tomiño non pide privilexios, pide o que lle corresponde” para garantir a seguridade da estrada PO-344 no tramo entre a subida da igrexa ata o cruce coa estrada a Santa María, que acumula unha farmacia, varios comercios, un restaurante e tres paradas de bus escolar e interurbano a cada lado. Apuntou que “estamos diante do dereito da cidadanía de Tomiño a dispoñer de infraestruturas dignas e seguras e a non ser tratados como un concello de segunda polo simple feito de ter un goberno que non é do agrado do Executivo autonómico”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario