O PP DE TUI ACUSA AO CONCELLO DE CAUSAR DANOS SIGNIFICATIVOS AOS TILEIROS DA PRAZA DA INMACULADA COAS OBRAS DA CORREDOIRA E SER O RESPONSABLE DA SÚA TALA
• Os populares revelan que os informes técnicos cos que xustificaron a súa corta confirman que non se respectaron as medidas de protección durante os traballos e acusa ao executivo de agochar estes feitos.
• O voceiro municipal, Nico Montes, anuncia que van pedir toda a documentación e, chegado o caso, pedirán responsabilidades políticas pola perda destes activos ambientais e pola súa neglixencia na obra.
O grupo municipal do PP de Tui vén de acusar ao Concello de ser o responsable dos danos nos emblemáticos tileiros da praza da Inmaculada e da súa posterior tala ante o risco de caída, xa que os mesmos foron provocados polas obras de humanización do paseo da Corredoira e da rúa Augusto González Besada, segundo se detalla no informe técnico da Estación Fitopatolóxica de Areeiro -dependente da Deputación de Pontevedra- co que o goberno local xustificou a súa corta.
Os populares revelaron que os citados informes técnicos deixan ben claro que as obras “non respectaron a integridade destas árbores nin adoptaron as preceptivas medidas de protección sobre as mesmas” e cita especificamente que estes traballos provocaron “danos significativos” nestes exemplares. En concreto, sinálase que houbo raíces principais “seccionadas pola maquinaria”, con feridas de máis de 15 centímetros, que os alcorques estaban cheos de cimento e restos de obra, que a cota da plantación era inferior á precisa para a súa supervivencia e que incluso había “garrafas de gasolina no interior dos alcorques”.
Ante esta situación, o PP tudense acusou ao goberno local de empregar os informes técnicos para xustificar a corta dos catro tileiros, pero de agochar á cidadanía que o deterioro destas árbores estivo directamente relacionado coa execución dunha obra impulsada polo Concello, na que non se adoptou medidas de protección nin se realizou a correspondente labor de supervisión, responsabilidade última do executivo de Enrique Cabaleiro.
Ademais, os populares consideran que o goberno centrou a súa explicación pública nas patoloxías e pragas mencionadas no informe, omitindo que o propio documento vincula a perda de estabilidade aos danos producidos durante as obras e ás mutilacións do sistema radicular.
O voceiro municipal, Nico Montes, anunciou que a súa formación vai pedir todos os informes e a documentación deste caso, xa que desvelou que algún foi solicitado con posterioridade á produción dos danos nestes exemplares. “Fíxose unha obra a machado, sen respectar para nada estes activos ambientais que acabamos de perder para sempre e cambiando a fisonomía dun punto de encontro moi querido pola cidadanía. E despois da desfeita, cando xa sabían da estocada mortal que lle inflinxiron a estes exemplares, puxéronse a pedir os informes, polo que todos os tudenses temos dereito a saber que pasou e, chegado o caso, pediremos as responsabilidades políticas que correspondan”, indicou o concelleiro popular.
Finalmente, indicou que, ademais a obvia responsabilidade do Concello, da construtora e da dirección de obra, houbo “moi pouca sensibilidade” para tratar de salvar e recuperar estes tilos por parte do goberno socialista e contrapuxo esta corta dos exemplares cos intentos que fan moitos concellos por conservar as súas árbores máis emblemáticas cando sofren patoloxías.
.jpeg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario