14 de mar. de 2026

TOMIÑO

Mocidade talentosa para rescatar ‘A memoria do Miño’  

 O Concello pon en marcha un proxecto que impulsa o talento local nas artes, na interpretación e no audiovisual coa gravación dunha curta  

 

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, co equipo humano que xa está a traballar na gravación da curtametraxe profesional ‘A memoria do Miño’

Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 O río leva consigo historias que merecen ser contadas e lembradas. Coa idea de recoller ese legado e apoiar o talento local, o Concello ten en marcha o proxecto Mocidade Talentosa, unha iniciativa que promete dar voz á memoria do Miño a través da creatividade de mocidade tomiñesa ligada persoal e formativamente ao audiovisual, á interpretación, á publicidade e ao deseño gráfico.  

 Baixo unha nova ollada, Uxía Cánfora, Lara Domínguez Quinteiro, Mateo Iglesias, María González e Verónica Vicente xa están a traballar na gravación da curtametraxe profesional ‘A memoria do Miño’, un relato que rescata historias e vivencias arredor do río e da realidade transfronteiriza de Tomiño, conectando pasado e presente nunha proposta artística única. 

 Ademais de impulsar o talento da mocidade tomiñesa, con esta proposta o Concello busca tamén construír unha narrativa cultural que recolla a memoria colectiva, a identidade transfronteiriza e a vida do municipio, facendo que a creación emerxa da ollada directa da mocidade sobre a súa contorna e a súa historia. 

 Como salientou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “para o Concello é unha enorme satisfacción impulsar proxectos creativos que nacen da ollada da propia veciñanza, especialmente aqueles que conectan a nosa historia coa visión da mocidade. Iniciativas que dialogan entre pasado e presente, entre a memoria herdada e as novas formas de narrar, convertendo Tomiño nun espazo vivo de creación cultural”. 

 Para a rexedora, a cultura e a creación artística son parte esencial da identidade dun pobo, polo que “apoiala é unha maneira de preservar esa memoria, fortalecer o sentimento de pertenza e garantir a transmisión do noso legado ás xeracións futuras”. 

 O proxecto combina imaxes históricas do Arquivo da Imaxe municipal, doadas pola veciñanza, sobre todo dos anos 40 e 50, con escenas actuais gravadas nunha rodaxe profesional levada a cabo polos propios participantes. Cada fotograma é unha ponte entre xeracións que permite que a memoria do Miño e das xentes que viviron arredor del non se perda. 

 Con Mocidade Talentosa, Tomiño aposta por facer da cultura e da creación artística un motor para conectar xeracións, preservar a memoria colectiva e ofrecer espazos de aprendizaxe e expresión á mocidade, garantindo que as historias do río Miño continúen inspirando e formando parte da identidade do municipio. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario