4 de mar. de 2026

O ROSAL

O Rosal renova un dos parques de Pías para gañar seguridade e calidade de xogo    

  O Concello inviste case 25.000 euros na primeira fase de mellora da área oeste, coa substitución do pavimento e o cambio e mellora dos elementos de xogo 

 

O Concello do Rosal acaba de rematar a primeira fase da renovación dun dos parques infantís da Área Recreativa de Pías
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal  

 Xogar tamén é cuestión de seguridade. O Concello do Rosal acaba de rematar a primeira fase da renovación dun dos parques infantís da Área Recreativa de Pías, unha actuación que supón un investimento de case 25.000 euros e que permitiu modernizar e mellorar as instalacións situadas na zona oeste do recinto. 

 A intervención centrouse nunha área duns 112 metros cadrados que presentaba un evidente estado de deterioro debido á exposición continuada á choiva, ás xeadas e á acción directa do sol. O pavimento continuo de caucho existente atopábase agretado e coas unións levantadas, o que supoñía un risco para as nenas e nenos usuarios. Ademais, a maxi torre de xogos e outros elementos presentaban tamén sinais visibles de desgaste. 

 Nesta primeira fase procedeuse á retirada completa do pavimento actual e á súa substitución por un novo sistema formado por unha base de polietileno reciclado con capacidade de absorción de impactos e unha capa superior de céspede artificial específico para parques infantís. Aproveitando a soleira de formigón xa existente, instalouse tamén unha nova maxi torre de xogos que substituíu á anterior. 

 Do mesmo xeito, desmontáronse dous balancíns simples, un balancín dobre e un bambán biplaza para cambialos ou reparalos no taller, adaptar os seus ancoraxes á normativa vixente e colocalos na mesma ubicación, garantindo así o cumprimento das condicións de seguridade da área de xogo infantil. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salientou que “esta actuación responde ao compromiso do Concello coa seguridade e o benestar das nosas crianzas, garantindo que poidan desfrutar de espazos de lecer seguros e de calidade”. A rexedora destacou tamén que “investir na mellora dos parques é investir na vida comunitaria, creando espazos coidados que fomenten o encontro das familias e a convivencia”. 

 Esta intervención terá continuidade nunha segunda fase, que se desenvolverá na zona leste da Área Recreativa de Pías. Nela retirararanse os actuais elementos de xogo, colocarase unha malla antiherba e area de sílice e instalaranse novos xogos pensados para idades máis temperás (0-3 anos) e de carácter inclusivo, ampliando así as posibilidades de uso do parque. 

 Coa renovación do parque de Pías, o Concello do Rosal continúa avanzando na mellora dos seus espazos públicos, apostando por áreas recreativas máis seguras, accesibles e adaptadas ás necesidades de todas as familias. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario