4 de mar. de 2026

A GUARDA

O BNG APOIA AO ESTUDANTADO GUARDÉS NA SÚA LEXÍTIMA REIVINDICACIÓN DUNHA AULA DE ESTUDOS EN CONDICIÓNS   

Anxo Lois Baz (BNG):“Esixímoslle ao alcalde que deixe a propaganda, se poña a traballar e atenda as reivindicacións do estudantado que  son facilmente solucionábeis”  


O portavoz nacionalista, Anxo Lois Baz Vicente, cun grupo de estudantes, nas dependencias da Casa do Concello
Foto: BNG

Infogauda / A Guarda

 O BNG apoiou a concentración do estudantado nas dependencias do Concello da Guarda este mércores, 4 de marzo para esixir unha aula de estudos cunhas mínimas condicións. O portavoz nacionalista, Anxo Lois Baz Vicente, manifestou: “As reivindicacións das  persoas usuarias da aula de estudo son facilmente solucionábeis. Non piden imposíbeis, piden mesas e cadeiras suficientes, conexións eléctricas para os ordenadores, iluminación adecuada e acceso aos baños. O alcalde da Guarda,facendo gala dunha inutilidade alarmante,  desatende as súas demandas  e por iso teñen que mobilizarse. Desde o BNG expresamos o noso rotundo apoio a esta xusta reivindicación e esixímoslle o alcalde unha solución inmediata porque os exames están a volta da esquina e non agardan  por el”.  

 Baz afirmou tamén: “Xa sabiamos que Roberto Carrero non ten proxecto para A Guarda, e  que  fía todo as aparencias, pero  a súa inutilidade chega a extremos tan  alarmantes que non é quen de colocar un par de mesas, garantir unhas conexións eléctricas ou poñer unha iluminación adecuado aos estudantes. A súa incapacidade para atender as  xestións máis básicas demostran non día a día que Roberto Carrero é un auténtico lastre para A Guarda”.  

 O nacionalista concluíu dicindo: “A Roberto Carrero non lle importa abandonar as súas verdadeiras responsabilidades como alcalde, porque vive obsesionado nunha campaña permanente de autopropaganda coa que pensa que pode tapar a súa incompetencia e a do seu grupo de goberno”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario