4 de mar. de 2026

A GUARDA

O Conciliaguarda Semana Santa abrirá o venres 6 o prazo de solicitudes  

O campamento é gratuíto para 30 crianzas guardesas de 3 a 10 anos  




Infogauda / A Guarda 

 O Concello da Guarda segue apostando pola conciliación familiar cun campamento para as vacacións escolares de Semana Santa.  

 Este campamento estará cheo de actividades lúdicas para as crianzas do municipio. É de carácter gratuíto e ten como obxectivo principal facilitar a conciliación da vida persoal e laboral no período non lectivo.  

 O campamento desenvolverase os días 30 e 31 de marzo e 1 e 6 de abril, en horario de 9 a 14 horas. No caso de necesidade das familias, poderá ampliarse a horario de 8:30 a 14:30, indicándoo na solicitude.  

 Poderán participar 30 crianzas empadroadas na Guarda entre os 3 (escolarizadas en 4ª E.I.) e os 10 anos. De quedar prazas sen cubrir, poderán participar crianzas doutros concellos; pero de exceder o límite de prazas, realizarase un sorteo público o día 23 de marzo ás 9h no Concello da Guarda.  

 As solicitudes poden realizarse presencialmente no rexistro do Concello (1º andar) ou na sede electrónica, do 6 ao 18 de marzo (ambas datas incluídas). Para a presentación electrónica haberá que cubrir unha instancia xeral e achegar cuberta a ficha de inscrición dispoñible na web.  

 A listaxe de persoas admitidas será publicado na web do Concello e aparecerá codificado co número de rexistro da solicitude, polo que resulta importante conservar o comprobante da presentación da mesma.  

 Esta actividade está financiada con cargo aos créditos da Consellería de Política Social e Igualdade e polo Ministerio de Igualdade. 

 Máis información en informacion@aguarda.es e na OMIX do Concello da Guarda.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario